Se pensamos que o difícil era rachar co anterior (Deluxe), este coruñés xa o fixo co primeiro disco baixo o seu nome. Entón, visto o nivel que “Atlántico” acadou de crítica e público, o reto é manterse. Consolidarse nesa proposta que arreda medos e ataduras estilísticas, de autor que absorbe músicas e experiencias vitais e traballa por redondear cancións con nostalxia, sutileza, vida … “Paramales” confirma o cómodo que Xoel López se atopa mareando as etiquetas de cantautor pop-folk, música de autor … e máis cando vén dun público máis pechado do que o seu nome indicaría: o independente ou alternativo. Ás veces con máis acerto ou risco ca outras, pero o coruñés experimenta cun abano amplo de melodías, influencias, ritmos, na súa maioría latinos, que agora semella achegar un chisco á última época de Deluxe.
Xoel López é perfeccionista e creativo, compón e canta moi ben, e como artista ten as cousas claras grazas á dúbida, a curiosidade e a observación. Está nun momento de confianza cara adentro e cara a fóra e así consegue que cancións menos inmediatas, como “Sol de agua”, “La Casa Hace Ruido Cuando No Estás” (composta pola súa parella Lola, coa que canta a dúo) e un adianto coa letra dura de “Todo lo que merezcas” saian vencedoras da aposta. Non faltan outras máis fáciles ou asequibeis: “Yo solo quería que me llevaras a bailar’ con retrouso inmediato e coros repetitivos, ou os aires épicos de “Almas Del Norte”. En conxunto, a variedade estilística convence guiada pola guitarra e moito ritmo, regalando coros, palmas, chiscos folclóricos, acordeón (que ben Nacho Mastretta en “Antídoto”!), e tamén guitarras eléctricas en “Un año más”, sintetizadores (“Caracoles”) e percusión algo psycho-brasileiro en “A serea e o mariñeiro” (esperamos máis cancións en galego!).
Para traballar nese equilibrio dos pesos pop-rock e o folclórico que explotou en “Atlántico” acompáñase de Ángel Luján na produción e o resultado entronca co anterior disco sen mimetizalo ou repetilo en demasía, completando un disco variado dentro da canción popular. Canta “Todo parece igual pero todo es distinto” e penso nos (pre)xuízos de quen non ven ou incluso non asimilan que un artista cambie, arrisque e asuma influencias coas que se desenvolver coma creador e intérprete. Cando Deluxe estaba arriba, decidiu cambiar o rumbo. Para moit@s supuxo tempo de asimilación, pero co tempo acadou o recoñecemento. Aquel disco tiña moito traballo na confección das cancións, pero soaba fresco, pouco recargado. Agora, Xoel López volve amosar que non ten problema en acumular vivencias, propias ou próximas, na súa equipaxe emocional e delas confeccionar cancións que saen airosas nunha balanza entre accesibilidade e calidade.
Pepe Cunha, 30-novembro-2015