Xoel López

Xuño 14, 2013

nota:
Xoel López actuará este venres 14 de xuño nas instalacións das adegas Regina Viarum, cunhas espectaculares vistas aos canóns do Sil.o próximo concerto “Baixo a vide” na adega Regina Viarum, en Sober (Lugo)
As adegas das diferentes denominacións de orixe e o espazo Kunsthalle (en Santiago) acollen concertos con degustación de viño e de produtos de gastronomía do país.

Xoel López é o próximo nome que vai ser protagonista do ciclo “Baixo a vide. Concertos con denominación de orixe”, unha innovadora proposta que une a música máis actual e a cultura vinícola galega. O artista coruñés actuará este venres 14 de xuño nas espectaculares instalacións da adega Regina Viarum, en Sober (Lugo), dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cunhas vistas únicas aos canóns do río Sil. Previo ao concerto haberá unha visita guiada pola adega e despois haberá unha degustación gastronómica acompañada dunha sesión do DJ Nano Vinilo.

Xoel López é un dos artistas máis representativos e de maior influencia da nova canción española. Se ben se define como un artista libre, sempre se moveu entre os sons do pop-rock alternativo e o folk clásico. Xoel deixou atrás a súa exitosa e consolidada carreira baixo o pseudónimo de “Deluxe” para, en xaneiro de 2009, cruzar o charco e comezar unha nova etapa no continente americano.

A esta edición de “Baixo a vide” únense agora dous novos nomes: o de Los Mustang Charros e o de Damien Jurado. O primeiro será na Bodega Casal de Armán, en Ribadavia, o 23 de agosto, na que se poderá gozar da divertida proposta musical de Los Mustang Charros, unha banda compostelana cun son que definen como “Tex-Mex”. A seguinte proposta será a de Damien Jurado, no Teatro Principal en Santiago de Compostela o 5 de setembro, coa ocasión para gozar da música deste cantautor indie e rock chegado de Seattle, presentando o seu último e exitoso álbum, “Maraqopa”, co que incide no lado psicodélico do seu folk.

Trátase dunha iniciativa promovida por I-Radia Crea e En Panties Producciones, dúas produtoras galegas que elaboraron un ciclo de concertos que percorrerán varias adegas co fin de abrir estes espazos a novos públicos e ofrecer unha innovadora oferta cultural, enolóxica e gastronómica. Cada concerto, ademais da actuación musical, complétase cunha degustación do viño anfitrión maridado cun produto gastronómico galego de alta calidade.

“Baixo a vide” ten vocación de consolidarse no tempo, e neste arranque do proxecto conta con bodegas de referencia como Pazo Señoráns ou Regina Viarum, que contan cuns espazos únicos para albergar aos concertos propostos. Ao ciclo únese o local Kunsthalle, de Santiago de Compostela, para contribuír a darlle visibilidade á iniciativa e chegar a aquel público que non participe directamente nos eventos programados nas adegas, e ofrecer así unha fórmula de ocio vinculado coa cultura do viño. Kunsthalle está situado no centro do casco antigo compostelán e xa é un referente na hostalería da cidade, tanto pola súa cociña como pola súa ampla programación no ámbito cultural.

Xoel López

Xoel López é un dos artistas máis representativos e de maior influencia na escena internacional. Acompañado da súa guitarra e de algúns amigos, procura recuperar a esencia dos primeiros días tocando en diferentes salas acompañado por músicos dos países que visita: San Francisco e Nova York (EUA), Colombia, Uruguai, Chile, Venezuela, República Dominicana, Brasil… Pero é en Bos Aires onde pasa a maior parte do seu tempo.

En outubro de 2010 regresa temporalmente a España para realizar unha xira en que convidou a case 30 músicos de diferentes nacionalidades a compartir escenario e repertorio. Un evento chamado “Xoel López y la Caravana Americana” que deu título ao documental onde se contan as peripecias desta xira e de parte da aventura anterior polas Américas.

En 2012 chega o duodécimo traballo da carreira de Xoel López, “Atlántico”, o primeiro editado baixo o seu propio nome e que foi un dos lanzamentos máis esperados do ano. Supón unha nova etapa musical e persoal para o artista tras o seu paso por diferentes países, que enriqueceron os ritmos e fortaleceron as súas melodías. O artista defíneo como o seu disco máis persoal.

Regina Viarum – www.reginaviarum.es

Regina Viarum atópase no corazón da Ribeira Sacra, en Amandi, que representa a esencia dunha terra única, que confire á uva calidades irrepetibles. A orientación das súas viñas, o seu método de cultivo en bancais, a súa disposición na aba do río Sil, a luminosidade do clima e a especial selección das uvas, permiten a elaboración dun viño único, cunhas calidades só adquiridas nestas terras. Adegas Regina Viarum ten o firme propósito de elaborar viños de calidade sobresaínte, para lograr esta excelencia no viño partimos de tres premisas: o viñedo, a elaboración e o viño.

As Bodegas Regina Viarum están situadas no lugar de Doade, municipio de Sober, en Lugo, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. De recente construción, mantivo no seu deseño elementos de construción tradicional da zona e dotámola cos equipamentos enolóxicos da máis alta calidade. Rodeada dos seus bancais milenarios, nun ámbito de tradición e de aprecio pola súa historia.

AXENDA