Xoel López

Maio 18, 2013

xoel lópez “atlántico”

Mirar ao Atlántico é algo que vai connosco e na música tanto ou máis que noutras artes. Os Resentidos abrían o seu derradeiro álbum de estudio con “Atlántico”, o único disco en solitario de Pablo Novoa chámase “Novoa cruza el Atlántico” e o último de, Pancho Álvarez, “Sonche atlántico”. Até aquí non tería moito de orixinal este álbum de Xoel López (centro do proxecto Deluxe e ex da Elephant Band). Mais se consideramos o notable cambio de rumbo e a reinvención da súa carreira, este primeiro traballo baixo o seu propio nome ten abondo de novedoso.

Porén, unha ollada á súa traxectoria amosa que esta xa viña marcada por certa inquedanza, un apreciable inconformismo e abonda curiosidade musical. Pasou do pop clásico británico dos 60 a tendencias máis recentes, de compoñer en inglés a facelo en castelán e xa nos deixou nesta lingua pezas moi notables. Mais é no seu segundo álbum como Deluxe (aquel exitoso “If things were to go wrong” no que xa pasaba do inglés ao castelán e do indie a un público máis amplo) onde atopamos unha referencia ben significativa do que hoxe propón. Na canción que o pechaba, cantaba que quería ser nada menos que “Caetano Veloso”. O imprescindible artista brasileiro -coas súas propias composicións e a súa revisión de clásicos populares sudamericanos- podería ser un faro nunha viaxe precisamente a América.

Na procura de novos retos e reinventar a súa proposta, hai uns anos Xoel puxo fin á etapa Deluxe no momento de maior aceptación popular e decidiu viaxar a Bos Aires e percorrer de abaixo a arriba o continente americano en busca de inspiración, En certo modo segue a ser el, segue facendo pop, pero pop entendido como popular, de ritmos populares e canción dun autor seducido máis polo folklore que polas últimas tendencias. Non esqueceu a súa terra natal e así como acompañou naquela beira a músicos americanos, trouxo algúns deles a España naquel proxecto festivaleiro de La Caravana Americana. Este intercambio, esta aprendizaxe foi macerando un feixe de cancións das que presenta estas doce que gravou entre Bos Aires e A Coruña, de marzo e setembro de 2011.

Quen busque aquí a continuación de Deluxe, debe mudar o “chip” e amosarse receptivo a outro Xoel, pois este é o seu traballo máis meditado e maduro. Chamémoslle pop de autor latino ou cancións de viaxes guitarra en man, pero o resultado final é que sae ben parado deste novo golpe de temón. Non é que falten adornos ou engadidos, sexan unhas cordas aquí ou uns coros alá, pero ben se aprecia que son cancións que perfectamente funcionan espidas ao tempo que admiten un tratamento de banda. Así, máis austeras (“La boca del volcán”) ou máis adornadas (“Desafinada amor”), cancións como as mencionadas ou “Por el viejo barrio (plegaria)”, “De piedras y arena mojada”, “Hombre de ninguna parte” ou “Tierra” xa están entre as súas mellores composicións. Pechando o disco, a referencia máis experimental, unha “El asaltante de estaciones” que (con)funde as Vainica Doble cos primeiros Santana e o pop británico orquestral.

O que non podía cambiar era a edición con Esmerarte, a promotora-produtora que apostou por el desde o principio, e a confianza no tamén coruñés Juan de Dios para compartiren a produción. A complicidade foi de seguro a chave para reflectir no disco esa idea clara de voz personal e guitarra acústica coma protagonistas principais. “Atlántico” son cancións reflexivas, contemplativas, relaxadas e para degustar sen présas pero tamén sen esforzos, son máis vitais e empíricas que filosóficas, son poesía do observador., dun “Joven poeta que ve pasar el tiempo, el sol y la luna, la ira y la calma.”

Pepe Cunha, 24-maio-2012

AXENDA

Facebook

6 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook