Este mozo, actor e cantante, que é natural de Fonsagrada mais reside en Santiago, presenta a música resultante dos anos de vivencias, moitas delas rodeado de cantantes, poetas e outros artistas galegos cos que colabora. “Nai” é unha colección de composicións propias adicada en especial á muller e que presenta, en corte básicamente acústica, un chisco de experimentación sobre ritmos afrobrasileiros, galegos, pop, subsaharianos ou árabe. Sen dúbida estamos a falar do froito do seu aprezo pola convivencia coa diversidade e unha enriquecedora naturalidade cara á mesma. Na gravación engade utensilios e sons da vida cotiá, como en “Bágoa de pataca”, un dos mellores momentos do álbum e, sen dúbida, o máis galego. Nun disco do seu tempo, reflexiona sobre a inmigración en “O teu sangue” ou denuncia a falla de respecto á terra, dos abusos do home cara ela e cara a muller. Con cancións como “A chía”, a xa mencionada “Bágoas de pataca” ou “Os mares de Marte”, “Nai” é outra proposta non só necesaria senón tamén salientable nestes momentos fructíferos da música feita no país.
Pepe Cunha 1-dec-08
Featured