Aínda que o doado é cualificalo coa etiqueta de cantautor, Xoán Curiel é un compositor moi influenciado por sonoridades de diversas latitudes (bossa nova, reggae, funk, rap, pop …) , pouco cinguido á guitarra de pau e o texto sobre todas as cousas. Como era de agardar con respecto do seu debut “Nai” de 2008, este “Magnético Zen” supón un notable paso adiante na calidade da súa proposta, pero aínda non a súa confirmación. Ten moitas cousas que expresar e ás veces as cancións sacrifican frescura por exceso de información, aínda que asina algunhas que funcionan inmediatamente, como os reggae “Tempos de crise” e “Reggae-Xote Magnético Zen Apocalíptico de Redención” ou “Nube”.
As imaxes que ilustran a portada e a contraportada do disco non semellan casuais. Na primeira podería referirse ao mundo “terrenal”, á realidade que nos queren vender simbolizada por un televisor contra o que o artista se rebela. Na segunda amosa unha cara máis poética, relaxándose en posición de ioga. Así, o álbum pivota sobre un discurso crítico da realidade pero apegado a un sentido poético. Para non abandonármonos ao pesimismo, aposta polo ser humano, o afecto entre as persoas. denuncia o abuso de poder, o desleixe para coa natureza, a falla de valores máis humanistas, o engano ou os erros deste sistema, a suposta crise … Uns textos que miran cara a fóra e cara un mesmo e o próximo. ás veces máis escapistas ou poéticos (“Policromía”, “Nube”) e noutras máis directos (“Reggae-Xote-Zen Apocalítico de Redención”). A maior experimentación chega con “Danza sen sentido” e a máis asequible con “Argumento lento”.
Asemade, debemos mencionar o tratamento das cordas en pezas como “Asa” ou “Ela”, textos como os de Ofelia López para “Berro afogado” ou Xurxo F. Martins en “Campos magnéticos”, colaboracións de Sérgio Tannus á guitarra e voz, ou Manuel Paino nos ventos e o soporte técnico de Xabier Olite. Tamén cómpre recoñecer a valentía, ou ousadía, de recrear unha peza tan recoñecible como “Quen puidera namorala”. Así a todo, un disco un chisco iirregular, pero interesante, con eses temas máis efectivos e a calidez que transmite Curiel. Vai gañando coas escoitas, aprécianse en matices pero debemos agardar que a vindeira entrega do de Fonsagrada sexa a da súa consolidación. Argumentos ten.
Pepe Cunha, 30-xullo-2012