O cantautor e actor de Fonsagrada debutou con “Nai “(2009), reafirmouse con “Magnético Zen” (2012) e achegou “Estamos no verán” (2014) ao público infantil. Aparte dos concertos deste último proxecto, non deixou de ofrecer con certa regularidade as súas cancións ao vivo e participar e argallar outros proxectos, pero agora no 2016 regresa con novas cancións de seu. “Ecuacións” é un mini-álbum autoeditado (cunha ben acaida serigrafía de vinilo) de 5 cancións novas máis o engadido da versión dunha delas ao vivo en Sao Paulo. Noutro contexto, nun rexistro habitual dos nosos tempos, chamaría máis a atención esta versión extra, pero este disco, agás as bases electrónicas, foi gravado ao vivo no estudio, dun xeito artesanal.
Isto era o habitual hai moitas décadas, cando non existía ese computador que amaña todo. A canción interprétase de principio a fin, sen voltar atrás a corrixir nada, polo que cumpriu levar todo traballado para gravar neses dous días nos estudios da Radio Galega. Un proceso que esixe unha intensidade e concentración extra por parte dos músicos da banda. Na primeira impresión, isto resulta nunha sensación de uniformidade abonda no ton xeral do disco, que require complicidade e predisposición. Non engancha con cambios, artificios ou diversidade estilística, senón cos detalles sutís d@s músicos (Adrián Solla no teclado e na programación, Rosalía Vázquez no violonchelo e Alberte Rodríguez no contrabaixo e o propio Curiel na guitarra) e a atmosfera lírica do noso protagonista, con ese seu halo de espiritualidade e íntimidade, de apostar polo repouso e vivir os detalles.
A canción fermosa que titula o traballo é a mellor mostra do que veño de mencionar. Procura un lado positivo e práctico das despedidas mecéndose sobre a melodía: “é tempo de navegar / e de desatar os nós do corazón, / tempo de nos despedir / e reformular cada ecuación”. Tamén “O bardo”, cun patrón cíclico e único tema con percusión (de base ou loops), fala dunha transición suave e doce, vencellada á natureza. Porén, pola referida liña de uniformidade do disco, cómpre salientar excepcións como a apertura vocal con “Novas” ou en “Ania lúa”, onde se solta na voz sobre o teclado de Adrián Solla. Curiel non é de facer ruído, traballa e vaise modelando como artista en traballos diferentes e con identidade de seu. Non pretende chegar a moito público, senón que agarda tocarte cunha canción.
Pepe Cunha, 5-maio-2016