Xisco Feijóo “Peixe”

Outubro 01, 2021

Quen nos resistimos a abandonar os formatos físicos para a música gravada estamos a atopar unha cara boa ao descenso das vendas: entre as edicións que se fan, e non falo só dos vinilos, procúrase a complicidade con obxectos realmente fermosos, orixinais, atractivos … E o caso do debut de Xisco Feijóo é dos máis rechamantes, porque non recibimos nin disco compacto, nin casete nin vinilo. Tras chamar a atención cos adiantos visuais de “Peixe” e “Animal”, o cantante, bailador e coreógrafo lanza o seu primeiro traballo discográfico cunha lata de conserva que agocha un USB !

Na súa arela de ofrecer unha “visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega”, Xisco Feijóo asumiu o reto de reflectir nas dez cancións deste traballo boa parte da bagaxe que atesoura de experiencia, investigación, recuperación e colaboracións durante décadas. Para iso traballou acompañado do coprodutor Carlos Quintá, responsábel dos arranxos, e unha listaxe notábel de colaboradoras: Pepe Vaamonde, Aida Tarrío, Rodrigo Romaní e Alba Faro (SonDeSeu), membros do Fiadeiro, o violinista escocés Alasdair Fraser e a violinchelista estadounidense Natalie Haas …

No lírico sinala o propio artista que “Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querencias e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles”. No musical trátase dun disco que cohesiona con éxito a súa variedade estilística e soa moderno e con brillo. Se os directos non carecerán da forza e o carisma que transmite este creador, si que poderiamos botar en falla a riqueza dos detalles sonoros da gravación, pero ben está que os discos e as súas interpretacións ao vivo conserven tamén os seus mundos propios.

Pepe Cunha, 1-outubro-21

AXENDA