nota:
O pasado 3 de febreiro cumpriu o seu primeiro aniversario Peixe, o celebrado sinxelo de presentación do novo e ambicioso proxecto do cantante e bailador Xisco Feijoó. O tema, avance do álbum homónimo, acompañouse á súa vez dun simpático e coral videoclip, que supuxo un chamado á diversidade. Nese intre, Peixe abriu unha ventá a novas miradas contemporáneas sobre a tradición; froito da reinterpretación de temas populares desde a modernidade e o atrevemento.
Un ano despois do lanzamento de Peixe, a Sala Capitol acollerá o vindeiro domingo 20 de febreiro o concerto de celebración desta nova etapa creativa do artista coa intención de vivir “unha gran festa da exaltación da tradición e da diversidade”, segundo sinala o propio Feijoó. Esta é, ao cabo, a propia esencia do álbum Peixe, publicado o pasado mes de xullo. O disco, no que conflúen a raíz e as sonoridades modernas á vez que a voz toma o protagonismo absoluto sobre os demais instrumentos, pon en valor o papel da cantiga tradicional, da que o bailador salienta a súa identidade e significado propio.
Precisamente no concerto de Santiago de Compostela Xisco Feijoó acompañarase da meirande parte da familia de Peixe, un grupo interdisciplinar de artistas que participou na gravación do disco. No escenario da Capitol actuará unha gran banda de oito músicos “100% amantes da música tradicional de raíz”, salienta Feijoó, entre os que se atopan Artur Puga e Xan Pérez (voces, percusións e baile), Iago Ramilo (saxofóns), Jose Manuel Díaz (contrabaixo), Mariño Malleiro (clarinete e acordeón) e Miguel Fraile (guitarra). Sobre as táboas tamén estarán dous compañeiros da ETRAD, produtores e arranxistas do disco: Carlos Quintá (teclados) e Xosé Liz (cordas).
A noite completarase coa participación de artistas convidadas. É o caso de Aida Faro, de Sondeseu, entre outras voces. As entradas para o concerto, que comezará ás 20.15 horas, están dispoñibles a través do propio espazo web do artista, www.xiscofeijoo.gal