Descoñecido fóra do circuíto de artistas e tamén para boa parte do gremio, Francisco Peña Villar, Xico de Carinho, leva tocando, argallando e colaborando en moitos proxectos desde a década dos 60 até ser mesmo conexión galega con Zeca Afonso, a quen coñeceu en París. A súa é unha vida intensa de inquedanza, activismo e encontros con artistas ben interesantes, como membro de Bem-Virá e Roi Xordo a mediados dos 70, con Na Virada editou o CD “Rolada das cantigas” (2001) e finalmente o libro-disco “Solaina” (Kalandraka, 2006). Este “debut” de seu chega pasados xa os seus 70 e tiña que ser algo especial, tanto coma un libro-disco con catorce temas, no que colaboran uns trinta músicos e con case 100 páxinas para ler unha entrevista a modo de repaso biográfico e textos de amigos de diferentes etapas. Ademais, o libro é xeneroso en fotos que remiten a momentos artísticos da súa vida.
Malia o protagonismo do seu instrumento principal, como o título indica, estas gravacións arranxadas por Isabel Rei e, maioritariamente, por Jorge Sarraute evitan un tratado “duro” de harmónica e resultan un repaso de como o instrumento aquí protagonista convive con outros para moverse polos estilos cos que Xico, como apunta no limiar, ten xogado na súa vida musical, reflexo en boa parte da súa traxectoria vital: estudou Maxisterio Música e Filosofía e Letras en A Coruña, Santiago e Barcelona, Etnomusicoloxía en París, Socioloxía do Africa Negra en Xenebra, coñeceu e tocou a músicos recoñecidos de varias procedencias … e os proxectos arriba mencionados con ou sen discos editados.
Nun total de catorce temas que nos levan polo jazz, os ritmos latinos, o tradicional … hai espazo para composicións propias (“Brincadeira no san Xiao do Trebo”, “Chorinho caiu na bossa”, “Na Irlanda” e “C”est chouette”), temas tradicionais (“Como queres que navegue”, “O gaiteiro toca a gaita …) e músicas e textos de autores galegos e portugueses, como Fernando Pessoa (“No comboio descendente”) ou José Afonso (“Alipio de Freitas”) e cada corte serve de escusa para un texto feito para a ocasión a cargo de Vicente Araguas, Anxo Rosende, Xurxo Souto, Vanesa Sotelo, Rosalía Fernández Rial, Ánxeles Penas … Un traballo que vén facer xustiza a unha vida artística ben curiosa e interesante, ademais de que serve para abrir Zeca, a nova colección de Libros-CD de aCentral Folque.
Pepe Cunha, 22-decembro-2019