nota:
Xavier Sarrià estrea en Galicia carreira en solitario despois da disolución da mítica Obrint Pas
Voz referencial na música en catalán, Sarrià actuará na Sala Malatesta este venres, día 17, acompañado por 9 músicos con formato de banda eléctrica, para vencer a escuridade dos tempos actuais coa batalla persoal da resistencia fronte á debilidade
A compostelana Sala Malatesta será unha das primeiras paradas da xira de debut en solitario de Xavier Sarrià. O líder da banda de referencia na música en lingua catalá Obrint Pas presenta en Galicia o seu primeiro disco en solitario, Amb l’esperança entre les dents (Propaganda pel fet! 2017), este venres, día 17 de novembro, acompañado de 9 músicos con formato de banda eléctrica. Antes, quentarán a noite Pirat’s Sound Sistema. A entradas pódense mercar on line, por 10 euros.
Reagge, ska e música valenciana tradicional con toques hardcore e rock. Os temas de Xavier Sarrià combinan personalidade e contundencia na defensa de ideais reivindicativos individuais e sociais coa emotividade dunha mirada máis persoal e axiña se convirten en himnos populares e interxeneracionais. O videoclip do single que dá nome ao disco acadou máis de 82.000 reproduccións nun mes e a xira, que arrinca o 9 de novembro en Barcelona, promete encher de esperanza as salas de Valencia, Manresa, Palma de Mallorca, Euskal Herria, Tavernes de la Valldigna, Berlín e Hamburgo.
Volver á música coa esperanza como arma
“A esperanza entre os dentes”, novela de Jonh Berger en 1984, explora as innumerables decisións personais, os sacrificios, os desexos, as penas e os recordos que xurden en momentos de resistencia política ao imperialismo e colonialismo. O verso que recolle Xavi Sarriá para recopilar as 13 novas cancións non podería ser máis axeitado, pois nelas mantense intacta a denuncia social, a solidariedade entre os pobos e a defensa da identidade cultural e lingüística que xa defendía Obrint Pas.
En palabras de Xavier Sarrià: “Dende que empecei a escribir as letras de Obrint Pas fixeno pensando nunha voz moito máis colectiva, unha voz que falaba en nome dunha idea común que tiñamos como grupo. Por primeira vez permitinme falar de cousas máis persoais, algo que tamén trato de facer coa música, indo un pouco máis alá e explorando novos camiños e estilos”. Neste disco atoparemos cancións intimistas, cancións rockeiras e cancións con estética austera, case recitadas: “Sempre me gustou facer diferentes vestidos ás cancións, pero en realidade para min teñen unha alma moi parecida, basada na emoción ao transmitir, ao intentar tocar o corazón e falar das cousas que nos preocupan, das nosas esperanzas e trasladar esas esperanzas colectivas en forma de canción.”
O autor explica cómo as súas vivenzas nunha adolescencia difícil e con violencia familiar o levaron a compoñer dende a necesidade dun refuxio onde combatir as pantasmas que lle asediaban e coas que todavía combate. Recoñece ter ganas de explicar estas cousas que non tiña explicado antes: “Cada cal escribe dos materiais dos que está feito, das experiencias, das vivenzas o feridas, e de todo aquilo que temos escrito na pel e nos fai mostrar o que somos”. O novo traballo é, pois, un disco aberto a novas ideas que pretende romper esquemas mentais creativos pero tamén unha continuación da súa traxectoria tanto musical como narrativa. Autor da compilación de contos Històries del paradís (Edicións Bromera, 2008) e da novela Totes les cançons parlen de tu (Sembra Llibres,2014 ), Sarrià entende esta volta á música como necesidade vital onde construír espazos que dean saída á furia e a tristeza que golpea os nosos infernos particulares, sempre coa esperanza como arma. Historias de luz na escuridade, de loita en momentos de crise. Como sinalan os versos do seu single: a xente que non se rinde, os fráxiles, humildes supervivintes, vencen á debilidade.
Abrirá a noite o sound system de reggae, ragga e dancehall de referencia en Cataluña dende hai 15 anos: Pirat’s Sound Sistema. O trío do barrio barcelonés de Sants leva revirando o panorama musical catalán dende finais dos 90, con tres discos publicados, centos de concertos e un show cheo de himnos propios, hits da sempre ardente actualidade musical xamaicana e incursións tamén en terreos como o drum’n’bass.