XAN CAMPOS TRÍO
O novo disco de Xan Campos Trio, Orixe Cero, non ten pasado nin futuro, é o instante mesmo, un traballo realizado á marxe de calquera idea estética preconcibida onde a única protagonista é unha innovadora visión do jazz. As múltiples influencias do disco abarcan xéneros que van dende o rock, o pop, a electrónica á música folque, todo elo combinado coa madurez e experiencia de tres músicos que, a pesar da súa curta idade, son un referente dentro do jazz contemporáneo do país.
Orixe Cero fai fácil o difícil. Tras unha aparencia sinxela, fresca e contundente, agóchase un traballo innovador e complexo, cargado de estruturas rítmicas elaboradas, progresións harmónicas potentes e melodías pegadizas. Os temas camiñan continuamente entre o esperado e o inesperado, gardando un perfecto equilibrio entre o que o oído agarda e a sorpresa, cun resultado, sen dúbida, completo e imprescindible.