Xan Campos “Amorodios”

Xuño 10, 2026

O pianista cangués Xan Campos témolo referenciado no jazz, pero nos seus traballos sempre atopamos influencias doutros xéneros e a intención de fuxir das etiquetas e calquera aceno de acomodamento. Sen ir máis lonxe, o seu magnífico álbum anterior “Realismo” (Free Code, 2020) foi recoñecido por crítica e público amplo grazas ao seu efecto cuase hipnótico e bailábel por momentos, unha proposta onde o trío de piano, contrabaixo e batería convivía cunha linguaxe digamos máis urbana na que xogan con micrófonos, pedais ou efectos. Agora volve dar outro cambio e por primeira vez se achega á canción e, máis concretamente, á música tradicional galega.

Porén, non tira de versos ou coplas populares, aínda que si as toma como referencia para compoñer as súas propias músicas e letras, resultando máis ca convincentes, como por exemplo “Teño prados, teño o mar, teños flores amarellas / e ademais téñote a ti, que es tan linda coma elas” ou “Se che temos muita espiña / vala ter que aturare. Por debaixo do estampado / somos bravas coma o mare“. Ademais, para cantalas invita a voz e pandeireta nada menos que de Faia Díaz, con quen comparte produtor e técnico de son: o Hevi. Completan a banda outros dous músicos recoñecíbeis e cos que garda complicidade de anos: Iago Fernández á batería  e Virxilio da Silva no baixo e a guitarra. Non faltan invitadas nos coros e pandeiretas (Nébeda Piñeiro, Daniela Sampayo e Paula Romero) en pezas como “Estampado de rincha”, unhas das miñas favoritas, e no arranxo e produción das cordas a cargo de Miguel Matamoro en “A Vella”. O título, as letras e músicas de “Amorodios” casan con estes tempos de incerteza que vivimos persoalmente e en colectivo pois hai momentos de positivismo, melancolía ou existencialismo, de baile e recollemento.

Se a experimentación e o risco precisan dun traballo coidado previo á gravación para non quedar só nun intento que soe forzado, aquí cumpría un proceso de adaptación polas dúas partes. Había que consolidar a búsqueda e a exploración nesa fusión de jazz e tradición popular e, de feito, lembro quedar con dúbidas tras ver o concerto en Cedeira dentro do Jazz de Ría de 2025, antes de gravaren isto que temos nas mans. Mais finalmente o disco convence, ten forza e personalidade de seu, cheira a cociña de lume lento, da que completa un bo caldo. Resulta moi jazz grazas á improvisación e a espontaneidade e, asemade, a simbiose de palabra e tradición achégano ao pop. Moi moi recomendábel volver atender o que nos ofrece Xan Campos.

Pepe Cunha, 9-xuño-2026

Este disco autoeditado con bo gusto podedes escóitalo e mercalo no seu bandcamp

 

Facebook