Xacobe Martínez Antelo Trío “Capturas”

Abril 30, 2019

O contrabaixista compostelán é un deses músicos que conseguen transmitir e engancharte ou reafirmarte en propostas que talvez non son as máis habituais. Se consumes jazz con certa frecuencia xa sabes que é dos nosos intérpretes e compositores máis interesantes, e non só por ser unha das tres patas de Sumrrá. “Isto é Jazz” (2005), “Xacobe Martínez Antelo Trío” (2008) e “Jazz from Galiza” (2010) son os álbums que preceden este cuarto tras o seu nome: “Capturas”, resultado do seu traballo no contrabaixo canda os de Xosé Miguélez no saxo tenor e Max Gómez na batería.

O compromiso coa creatividade nas oito composicións propias vai acompañado á hora de darlles título tamén dun espírito crítico cos tempos que vivimos: “A política lingüística de Alberte”, “Conciliade, malditos”, “Non alimenten ó Troll”, “O precariado” … e unha lembranza ao señor Jon Scullard, unha desas persoas necesarias. Oito “Capturas” que son mostra de que o jazz feito na Galiza segue a gozar dunha saúde excelente.

Se estás no jazz, sabes do que falo e probablemente non é “Nada novo baixo o sol”, pero se non estás tan familiarizado proba esa peza ou, por exemplo, “Déixao ir”, a que pecha o disco. Verás que se trata de deixarse levar pola conxunción de tres músicos magníficos. Si, niso consiste, en enfrontarse a música que pasa bastante das etiquetas, e a de jazz non limita. Ademais, vén presentado nunha edición elegante deseñada por Roge Fernández que podes adquirir na súa web ou, mellor, nalgún dos seus concertos.

Pepe Cunha, 30-abril-2019

AXENDA

Facebook

9 hours ago

Ábrete de orellas
hoxe mércores Narci Rodriguez no Jazz Filloa coruñés#RESERVA ENTRADAS: jazzfilloa@jazzfilloa.comAFORO LIMITADO!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook