Xabier Díaz pecha a súa homenaxe ás cantareiras co “Cancioneiro Galego Serodio 1989-2012”

Marzo 25, 2025

nota:

No marco da celebración do Ano das Letras Galegas 2025, o músico Xabier Díaz presenta a publicación do Cancioneiro Galego Serodio 1989-2012, unha obra que pecha a súa particular homenaxe ás cantareiras, mulleres que foron e seguen sendo gardiás fundamentais da nosa tradición oral.

Este traballo, que estará á venda nas librerías e en www.xabierdiaz.com desde o venres 21 de marzo, inclúe unha escolma de máis de 600 coplas, compiladas e seleccionadas polo propio autor ao longo de máis de dúas décadas de investigación e recollida de campo. Ademais, vén acompañado dun disco con 45 cortes que recollen diferentes melodías gravadas nas mesmas localizacións onde se realizaron as entrevistas que conforman o libro-disco.

A obra complétase cunha serie de retratos dalgunhas das informantes que participaron neste proceso de recuperación, así como con anécdotas e historias que dan conta da riqueza cultural e humana destes encontros que Xabier Díaz mantivo durante aquela viaxe ao cerne da tradición.

A publicación do cancioneiro enmárcase dentro dun proxecto máis amplo de difusión e posta en valor da tradición oral galega. Así, ao longo de 2025, Xabier Díaz compartirá semanalmente un vídeo nas súas redes sociais e, diariamente, a “Copla do Día” na rede X e Instagram, garantindo así que estas expresións populares sigan vivas e presentes no día a día da cultura galega.

Con esta iniciativa, o artista coruñés pon o ramo a un traballo de anos, manifestando a súa infinita gratitude a todas as mulleres que, durante xeracións, foron transmisoras deste patrimonio inmaterial e, moitas veces, invisibilizadas. Agora, como di o propio Xabier, “só queda aturuxar, cantar e bailar máis ca nunca, nas rúas e nas foliadas, nos concertos e nos corazóns”.

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
hoxe mércores en Vigo, dentro do Festival Sinsal Primavera.Info aquí: abretedeorellas.com/event/chemtrails/www.youtube.com/watch?v=XGdmSs5SDl0&t=62s ... See MoreSee Less
Ver en Facebook