O coruñés Xabier Díaz non parou de traballar desde o anterior disco, pero un novo de seu facíase esperar. Dicir que é unha das nosas voces fundamentais resulta algo obvio desde hai moitos anos. Formou parte de proxectos tan salientabeis coma a Nova Galega de Danza, Berrogüetto, aCadaCanto, Budiño … aparte doutras colaboracións que lle fixeron crecer coma músico e investigador. E non debemos pensar só no panorama tradicional, pois co seu debut “Salitre” (Músicas de Salitre, “05) chegou a un espectro máis pop acompañado nas guitarras e a produción polo Guille Fernández (compañeiro en Berrogüetto). Para a continuación “Coplas para Icía” (Músicas de Salitre, “07), tirou de Pedro Lamas e Suso Iglesias para regresar á terra, traballando sobre composicións tradicionais que vai recollendo do pobo.
Esta fonte mantense, pero a compañía musical volve mudar para un terceiro álbum no que comparte protagonismo coas 11 percusionistas e voces das Adufeiras de Salitre. Así o apuntaba antes do verán un adianto que recibimos en forma de videoclip realmente fermoso: “Cantiga da montaña”. O efecto de crear expectación funcionou dentro da nosa cativa escea mediática e o éxito dos concertos de presentación na Coruña e Vigo avalan a boa acollida do público. O álbum, masterizado e mestruado nos estudios Abrigueiro, presenta 11 temas tradicionais galegos e un castelán e agocha sorpresa ao final. Ademais, o libriño acompaña notas sobre a recollida ou composición de cada peza.
O obxectivo claro do disco é o de reivindicar, ante todo e desde o presente, as percusións e as voces. Porén, e con acerto, non se descoida un acompañamento discreto, conciso (menos é máis) pero lucido para redondear as cancións a cargo de Gutier Álvarez (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico). Isto na formación principal, que tamén protagoniza os concertos ao vivo, porque na gravación non faltan as colaboracións puntuais e atinadas de Kepa Junkera, Aleix Tobías (Coetus), Budiño, Barroso ou Alfonso Merino. O título terá a súa razón de ser (a canción mítica de Bob Dylan), pero o uso do idioma inglés chía, como en ocasións certo edulcoramento, probablemente pola presenza dunhas voces tan novas como as das Adufeiras.
En xeral, a presenza destas achega frescura e luminosidade e a combinación de voces entrega momentos notabeis como na mencionada “Cantiga da montaña”, “Pasodoble de Beo”. “Muiñeira de Limiñao” ou o “Agarrado de Cervera de Pisuerga, aínda que algúns ouvidos prefiramos voces máis formadas ou maduras. Xabier canta espectacular en “Maneo de Vilaño”, “Jostunen pasodoblea”, “Langueirón” ou “Muiñeira da picota” e as Adufeiras protagonizan un par de pezas, así que hai para tod@s neste disco conxunto. Aínda que agora toca gozar dos concertos, por onde sairá a próxima vez o Xabier Díaz?
Pepe Cunha, 26-novembro- 2015