Darlle continuidade a un traballo tan ben recibido como aquel “The Tambourine Man” (2015) non era unha misión fácil. Para ese terceiro disco propio, Xabier Díaz sorprendéranos na compaña deste grupo de alumnas tan aventaxadas e non sabiamos se a colaboración exitosa sería algo punctual. Foron moitos concertos no país, por Europa adiante e mesmo en África, polo que unha continuación en disco estaba máis que xustificada. Si, o listón estaba alto e existía o risco de perder nas comparacións, en teren usado as mellores cartas na primeira baza e perder o factor sorpresa. Porén, tamén está a rodaxe da proposta grazas a tantas viaxes e concertos xunt@s.
Agás en mudar o negro polo branco no formato físico, seguiuse a fórmula equilibrada no repertorio elixido e en crear boas expectativas cun adianto en forma de videoclip. Daquela o videoclip da “Cantiga da montaña” funcionara moi ben e neste caso “Baile de Noró” cumpriu as expectativas. Mantense o traballo coidado de composición, arranxos e produción, pero apreciamos unha banda máis sólida, con maior reparto do protagonismo. Iso si, non debemos quedar coa primeira impresión que nos leve a consideralo un álbum con menos gancho que o seu predecesor. As escoitas van confirmando que o complementa perfectamente desde un prisma máis repousado, macerado ou contido. Sen que isto signifique que perda forza ou non conte con pezas que logo atrapen como o mencionado “Baile de Noró” ou a irresistíbel “Voa o aire”, a mostra máis clara de que non falta no disco un cariz pop (de popular) que o fai gozábel a ouvidos menos afeitos ao tradicional.
Xabier Díaz, Gutier Álvarez (zanfona e violín) e Javier Álvarez (acordeón e piano) forman un equipo efectivo argallando os arranxos; conseguen que sone actual esta declaración confesa de amor polas músicas do norte. Os dous temas cantados en castelán (“La niña de la arena” e “No pido licencia a nadie”) tamén son “ghits” potenciais se nos imaxinamos nun país normalizado no musical. A “Ronda dos amores” colocada xusto no medio é outro dos momentos emocionantes. E o libriño inclúe esas notas que tanto se agradecen sobre as pezas recollidas.
Resumindo, merece con creces que lle deamos tempo a este “Noró (algunhas músicas do norte)” que, como mínimo, é unha digna continuación de “The Tambourine Man” e reforza o repertorio duns directos recomendabeis.
Pepe Cunha, 2-maio-2018