Xabi Aburruzaga

Febreiro 13, 2014

nota:
A Casa das Crechas acolle o xoves 13 de febreiro o concerto de Xabi Aburruzaga, trikitilari de longa traxectoria no mundo da música, que vén de presentar o seu terceiro álbum baixo o título ‘GEURE’ en novembro. Do mesmo xeito que nos seus anteriores proxectos (‘Bizkaiko Trikitixa’ e ‘Denboraren Naufrago’), aposta pola mestura de tradición e modernidade, pasado e futuro, alcanzando a madurez do seu estilo persoal.

‘Geure’ reúne trece temas cheos de cor e matices, doce deles compostos por Xabi e un máis, obra de Jose Urrejola. Neste traballo atopámonos con pezas instrumentais e cantadas, ás que lle puxeron letra Unai Elorriaga, Iñaki Aurrekoetxea e Kirmen Uribe. A gravación do disco contou coa produción, gravación e mestura do gañador dun Grammy, Mikel F. Krutzaga.

O trikitilari biscaíno está de xira pola Península. Ademais do concerto nas Crechas o día 13, o 14 estará en Lugo (Clavicémbalo) e logo continuará polo País Vasco e Cataluña. Virá a Compostela en formato trío: Xabi Aburruzaga (trikitixa e voz), Aitor Antruejo (guitarra) e Joxe Urrejola (pandeiro, ewi e frauta).

Xabi Aburruzaga (Portugalete 1978) xa gañou desde pequeno varios premios grazas ao seu talento coa trikitixa (acordeón diatónico vasco). Entre o 2001 e o 2002 pon en marcha a súa escola de Trikitixa “Trikileku”, que na actualidade conta con ducias de estudantes por toda a xeografía biscaína.

Comeza a compoñer a comezo dos anos 2000 e en 2006 comeza co que será o seu primeiro disco, “Bizkaiko trikitixa”, que recolle composicións tradicionais. En 2009 publicouse o seu traballo “Denboraren Naufrago”, xa con composicións propias nunha viaxe imaxinaria, a través da música que inspiraron os momentos e lugares máis importantes da súa vida.

Máis información:
http://www.youtube.com/watch?v=rAn9REeZJME (documental de 10 minutos sobre o seu último disco)

AXENDA

Facebook

21:30 h.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
5 €