xa se coñecen os 8 finalistas da II edición do Certame de Canción de Autor en Galego “Concello de Teo”

Abril 15, 2015

nota:

O Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’ xa conta cos oito finalistas que participarán na gala do vindeiro día 25 de abril. A “grande calidade” das propostas achegadas, tal e como afirma o director artístico do dito Certame, Xoán Curiel, fixo “moi difícil” o traballo do xurado formado polo propio cantor fonsagradino, pola Concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, pola artista Najla Shami, o xornalista Juan Torreiro e a xestora musical Inés Portela.

Na gala, os oito finalistas disporán de oito minutos para defenderen a súa actuación, estilo e calidade. Como novidade, o público poderá dar dous accésits, sendo un deles á mellor canción —e non á canción orixinal tal e como si se fixera na pasada edición do Certame.
Calidade
A organización do certame salienta tanto o elevado grao de participación -que se moveu en cifras semellantes ás da pasada edición- como a “gran calidade” das propostas. Precisamente, este alto nivel fixo máis difíciles aínda as decisións do xurado para a elección dos oito finalistas: Sofía Espiñeira, Laura Iglesias, Noé Subiela, Isis, Pilar Martínez, Lucía da Fonte, Sandra Tenreiro e Umbra.

A final
O vindeiro día 25 de abril terá lugar a gala final do II Certame de Canción de Autor en galego “Concello de Teo”. Desde a organización animan a calquera persoa interesada a se achegar á xornada decisiva do concurso, que se converterá nunha «festa da música e a palabra». A gran final comezará ás 20 h no Centro Sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello, e as entradas son de balde. A gala terá unha duración aproximada de dúas horas.

O II Certame de Canción de Autor en galego “Concello de Teo” está organizado polo propio Concello e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Gadis e conta coas colaboracións de, entre outras entidades, Músicos ao Vivo. Para todos eles, o agradecemento de Xoán Curiel, xa que «sen a súa implicación non sería posible organizar este evento».

O premio

O premio ao gañador ou gañadora será, entre outros, a gravación dun EP. Ademais, a vencedora ou vencedor disporá dunha serie de concertos e de promoción na prensa. Tanto para os que chegaron á final como para os que non, Xoán Curiel mostra a súa «satisfacción» porque estes traballos serviron para visibilizar os e as creadoras noveis do noso país.

Facebook