Xa na rede o Galician Bizarre II

Abril 04, 2012

Sae á rede o proxecto Galician Bizarre II, financiado por medio de crowdfunding ou micropatrocinio. Será a segunda entrega galega bizarra e contará con 18 cancións inéditas compostas e interpretadas por 18 grupos galegos.
Só será posíbel adquirir o disco e participar no proxecto desde hoxe mércores 4 de abril e até o 14 de maio, facendo realidade o financiamento coletivo deste compilatorio musical galego ideado polos propios artistas.

Que é e que non é?
Galician Bizarre non é nin pretende ser unha escena musical nin unha asociación nin unha empresa de xestión musical. Desde o máis absoluto underground xuntámonos periodicamente artistas das diferentes bandas galegas con etiqueta bizarre, para sacar discos e facer concertos dos grupos do país que máis nos fan vibrar dentro dunha ampla gama de estilos pero cun trasfondo similar: galegos e bizarros. Somos xente que comparte experiencias musicais no mesmo lugar, na mesma época e con certa tendencia cara ao bruterío musical.

Que queremos facer (e faremos)?
Editar un disco compilatorio de 18 cancións inéditas compostas e interpretadas por 18 bandas galegas. Farase unha tirada mínima de 525 copias en vinilo de 12”.

Que bandas participarán nesta edición?
Como saberás (e senón contámoscho), a presente é a segunda entrega do compilatorio Galician Bizarre e unha das súas características diferenciais con respecto á primeira é que non recunca ningunha das bandas que participaron no primeiro disco de 2010. Os grupos participantes no Galician Bizarre II cunha canción inédita cada un serán: Alarido Mongólico (A Coruña / Ferrol), Carrero Bianco (Ferrol), Christ Divides (Vigo), Fantasmage (Vigo), Fluzo (Compostela), Lobishome (Montalvo), Los Televisores (Poio / Chantada), Los Thyssen (O Grobe), Mano De Obra (A Coruña), Mullet (Lugo), Pastillas Mamut (Lugo), QVEK (Louro / Londres), Sr. Anido (Milladoiro), Terbutalina (Ventín / Esteiro / Muíño do Vento), Tetra & Freek (Compostela), Tora Tora Tora! (Pontevedra), Trajano! (Dodro / Madrid) e Wild Balbina (Vigo).

Como o imos financiar?
O financiamento do disco e das copias levarase a cabo mediante un sistema de crowdfunding ou micropatrocinio. Se estás interesad@ en facerte cunha copia e apoiar activamente a iniciativa deberás mercar o disco de xeito anticipado ao prezo reducido de 10 euros antes do 13 de maio, converténdote en coprodutor/a do proxecto. Cómpre que quede claro tamén que ningunha banda nin participante cobrará un peso polo seu traballo. O recaudado por medio do sistema de crowdfunding irá destinado única e exclusivamente á fabricación das copias. Unha vez fabricadas, faremos que chegue o pedido ao teu fogar ou ao lugar indicado da túa aldea, pobo ou cidade para que o recollas. Ollo! Non se venderán máis discos que os anticipados, polo que se queres adquirir unha copia só poderás facelo de xeito anticipado. Os discos sobrantes irán encamiñados á súa propia difusión e ao uso e difrute das bandas participantes. Por outra banda, con este sistema de financiamento será posíbel fixar a oferta de copias á demanda real delas, sendo a cantidade mínima para a viabilidade do proxecto 250. É dicir, se non se venden 250 copias o proxecto non irá adiante e os cartos cos que o apoiaches volverán automáticamente á túa conta bancaria.

Como podes participar?
Moi sinxelo. Só tes que pinchar máis abaixo no link de Verkami e seguir os pasos que se indican. O pago é seguro, amig@ produtor/a.

FB www.facebook.com/galicianbizarre

AXENDA

Facebook