nota
Outubro-Novembro 2016
A historia do Festival Sinsal, comeza hai catorce anos da man da promotora Sinsalaudio, e caracterízase por ser a historia dunha procura: a de romper as barreiras que constriñan a música na súa relación co público, co ouvinte, tratando de abrir vías no comunmente establecido. O Festival Sinsal naceu en Vigo no ano 2003, case 400 concertos establecendo un modelo de programación que, na actualidade, é imitado por outros eventos. Comezamos levando a música das salas ao teatro, realizando un festival con múltiples sedes. Pouco tempo despois decidimos que non podíamos pechar o festival nunha fin de semana, que debíamos ir máis alá e crear unha cita anual que nos permitira fuxir das subastas nas que os festivais corren o risco de caer. Naceu o concepto do festival estacional.
E Vigo volve a ser escenario en 2016 deste novo Sinsal Outono. Catro propostas, programadas coa complicidade da administración municipal, que en 2016 teñen un sabor predominantemente británico. Un peso pesado da música do Reino Unido como é Lloyd Cole, será o encargado de abrir o festival o 29 de setembro no Auditorio Municipal do Concello nun concerto en solitario no que percorrerá os seus grandes éxitos. A excepción ao carácter británico desta edición vén da man de Derek Gripper, o músico sulafricano que está colocando a tradición musical da kora na escena occidental (15 outubro, Casa das Artes); continuarán a senda outonal de Sinsal os 65daysofstatic, formación instrumental de Sheffield cun ampla traxectoria no post-rock, que estarán precedidos polos Thought Forms, que desde Bristol chegan bendecidos polos mesmísimos Portishead (28 outubro MARCO). Pecha o Sinsal Outono 14 o camaleónico e pioneiro músico de Manchester Paddy Steer (2 novembro MARCO).
O Festival Sinsal acadou xa un altísimo grao de identificación coa súa cidade, sendo recoñecido como unha peza importante do seu tecido cultural no ámbito da música, grazas ao apoio do concello de Vigo. Camiño da década e media son moitas as persoas que se achegaron á nosa cidade para seguir algún dos eventos con selo Sinsal. Agardamos espertar de novo curiosidades neste Sinsal Outono 14 Vigo.
Sinsal Outono 14 Vigo
Lloyd Cole playing the classic Lloyd Cole songbook 1983–1996
29 setembro, 21:00h
Auditorio Municipal do Concello
Entrada: 12 euros (anticipada en ataquilla.com, Honky Tonk Discos e Elepé Discos)
15 euros (billeteira)
Derek Gripper
15 outubro, 20:30h
Casa das Artes
Entrada: 5 euros
65daysofstatic + Thought Forms
28 outubro, 20:30h
MARCO
Entrada: 10 euros (anticipada en ataquilla.com, Honky Tonk Discos e Elepé Discos)
13 euros (billeteira)
Paddy Steer
2 novembro, 20:30h
MARCO
Entrada: 5 euros
As entradas para os concertos de Lloyd Cole e 65daysofstatic + Thought Forms
poden mercarse de maneira anticipada en ataquilla.com, Honky Tonk Discos e Discos Elepé.
A billeteira dos recintos abrirá media hora antes de cada concerto, agás no caso do Auditorio Municipal do Concello que abre unha hora antes.
Todos os concertos terán lugar ás 20:30h, excepto Lloyd Cole que comezará ás 21:00.