WOMEX fai pública a primeira listaxe de bandas da súa Selección Oficial, entre os que se encontra Radio Cos

Xuño 22, 2016

nota de prensa:

Hoxe WOMEX, a maior feira mundial de ‘world music’, deu a coñecer as primeiras 23 bandas da súa Selección Oficial, entre as que figura o grupo tradicional galego Radio Cos, liderado por Quique Peón e Xurxo Fernandes. Eles serán a terceira formación galega elixida polo xurado internacional de WOMEX para esta sección en toda a súa historia, logo de Mercedes Peón (2010) e Davide Salvado (2014).

Entre o resto dos seleccionados podemos atopar bandas de todo o mundo: Bargou 08 (Tunisia / Bélxica), Bixiga 70 (Brasil), Black String (Corea do Sur), C4 Trio (Venezuela), Delgres (Guadalupe / Francia), Dudu Tassa & The Kuwaitis (Israel), Gisela João (Portugal), Gulzoda (Uzbekistan), Maïa Barouh (Xapón / UK), New York Gypsy All Stars (Macedonia / Turquía / Grecia / USA), Noura Mint Seymali (Mauritania), Okra Playground (Finlandia), Oligarkh (Rusia), Ponk (Chequia), Puerto Candelaria (Colombia), The East Pointers (Canada), Throes + The Shine (Angola / Portugal), Trad.Attack! (Estonia), Trio Da Kali (Mali), Tulegur (China), United Vibrations (UK) e Vassvik (Noruega).

Estes artistas foron seleccionados por un xurado composto por sete expertos de todo o planeta entre os que se encontra un galego: Vítor Belho, de Nordesía Produccións.

Radio Cos
Radio Cos son Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia que levan xa 10 anos percorrendo Europa cos seus sons, cuxas melodías pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas.

Dez anos son os que Radio Cos leva percorrendo escenarios de toda Europa transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional. Co seu primeiro disco ‘Sete cuncas’ (Fol Música, 2013) confirmáronse como un dos proxectos máis interesantes da música galega: música de raíz que mestura a sonoridade máis arcaica con elementos tirados da propia tradición e melodías alleas que gardan relación co país. Agora están inmersos no proceso de gravación do seu segundo disco.

A banda confórmana tres prestixiosos músicos: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón. Este traballo, concebido con forza e alegría, quere mostrar a invisibilidade que sufren as culturas minorizadas a pesar de estar aí, de arrodearnos, de ser verdades manifestamente palpables.

De novo aquí

WOMEX é a maior feira mundial do sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional e uns 60 concertos (a maioría deles abertos ao público), ademais de relatorios e proxeccións de filmes, entre outras actividades. A edición de 2014 en Santiago de Compostela acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia. Os datos oficiais desa edición confirman o éxito: 2.400 delegados/as (+6,66% que a anterior edición) e 1.470 empresas (+16,66%) de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e un récord de 280 stands (+12%). A isto hai que engadirlle o protagonismo da música galega, coa participación de seis artistas galegos e 21 empresas participantes dentro do stand Galician Tunes, así como os retornos en termos de imaxe de marca para a cidade e para Galicia, e o impacto económico da feira.

O 90% do orzamento foi investido en empresas locais (alugueiro, soldos, escenarios, catering, etc.), con máis de 400 postos de traballo creados (250 directos e 150 indirectos). Nas últimas edicións a media do impacto positivo no PIB do territorio no que se celebrou foi de 2,5 millóns de euros, con efectos directos e indirectos no emprego en varios sectores, tanto antes, como durante e despois do evento.

Así mesmo, hai que salientar o impacto de imaxe na cidade, con 2.400 delegados e 350 músicos provintes de 90 países, 200 xornalistas e a presenza de emisoras de radio internacionais que emitiron programas para toda Europa.

WOMEX 16
WOMEX 16 volverá a encher Compostela de música durante cinco días nos seguintes espazos:
WOMEX Day: feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, conferencias, networking…

WOMEX Night: a maioría dos showcases celebraranse durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio NovaGalicia Banco e Sala Capitol (DJ Summit).

WOMEX leva celebradas 21 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Budapest) e celebrará a súa vixésimo segunda edición en Santiago de Compostela.

WOMEX está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. Como socio local forma parte da organización Nordesía Produccións. Fundada en 1996, esta produtora foi un dos axentes máis importantes da “world music” en Galicia e na Península.

Como entidades patrocinadoras figuran o Concello de Santiago a través de INCOLSA, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e AGADIC.

Grande oportunidade
WOMEX 16 será un dos eventos culturais máis importantes en Galicia dos últimos anos. Con el chega una nova grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.

Ademais do feito de que WOMEX 14 foi a edición con máis asistencia de delegados do últimos cinco anos, cumpríronse os obxectivos estratéxicos que se marcaron desde a organización. Confirmouse WOMEX como unha ferramenta de transformación tanto para a cidade como para o sector musical galego e a forza de Compostela -e da propia Cidade da Cultura- como un escenario e punto de encontro internacional.

Alén disto, a presenza de artistas galegos en WOMEX (e no Focus Galicia) colleitou un importante éxito que se traduciu en xiras internacionais para moitos deles.

AXENDA

Facebook

7 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook