wolrus “wooden tapes”

Maio 19, 2012

A finais do pasado ano viu a luz o sorprendente debut desta banda formada na Coruña, non por anovador, senón por notable exercicio de estilo. Cinco músicos procedentes doutros proxectos procuran neste de Wolrus un territorio común de harmonías, coros e querencia polo pop-rock-folk da segunda metade dos 60 e comezos dos 70, ese que parte das Illas Británicas e os Beatles -de cuxa canción “I Am A Walrus” tiran o nome- aos Estados Unidos. Coma referentes, desde os Hollies até aos CSNY, pasando por Byrds, Buffalo Springflield, Joni Mitchell ou os primeiros Love. “Wooden Tapes” son coarenta minutos, como os discos clásicos de vinilo, que conseguen transmitir ese vello espíritu do pop campestre e o rocanrol básico, o protagonismo das harmonías vocais e as guitarras que as acompañan debuxando con notas. Para isto, que mellor que gravar na casa sen abusos dixitais? Entre os doce cortes do vinilo, “Stones and Roses Blues” sona máis pop, “She is” recupera o rock´n roll dos 50´s, “Take Me Away From Home” exerce de melancólico medio tempo, o espíritu do rock sureño domina “Rock Me All Night Long”, máis cerca do garaxe en “Some House” e non faltan unhas pingas de ácido con “Broken Harmony” no peche. Se es fan daqueles sons ou gostas de recuperalos nunha relaxada escoita, non dubides en achegarte a uns Wolrus que cheiran aos Xiria Pop de Carballo ou o Felipop de Fene, dous festivais afíns. Edta Quequeres desde Carballo en colaboración con Rock Indiana.

Pepe Cunha, 19-maio-2012

AXENDA

Facebook

24 hours ago

Ábrete de orellas
Moito prestaron os "showcases" do MUMi - encontro profesional de música de Galiza e Portugal! Nas fotos, os do sábadoO público que se achegou á Eurocidade Tui-Valença pode dar testemuño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook