Wilco deixa pegada na Coruña. 29-xuño-2016

Xuño 30, 2016

Desde que se anunciou hai meses, as sensación apuntaban un acerto do Concello da Coruña. As entradas vendíanse con moi bo ritmo e á Coruña ía achegarse xente de varios puntos do país. Moit@s para repetir cita galega co banda de Jeff Tweedy e outr@s atraíd@s pola sona. Nunca estiveron moi de moda pero sempre estiveron raiando a un nivel notábel e consolidaron a súa reputación entre un público “connaisseur” e menos clasicote nisto do rock.

O seus músicos entraron baixo o son de “EKG”, a que abre o seu último disco e repasaron as seguintes pezas do mesmo: “More …”, “Random Name Generator” e “The Joke Explained”. O son non comezou moi ben pero foron acomodándoo a un Palacio de la Ópera cheo e expectante por confirmar a calidade do directo da banda de Chicago. A cousa sonaba mellor xa cando “I Am Trying to Break Your Heart” amosou que boa parte do público estaba máis polos “clásicos” da banda que polo repaso, entendible, ao último disco. Cuns músicos que gustan de experimentar, de non se repetir dentro dos cánones do rock, é normal que cadaquén vexa discos máis frouxos ou menos bos; no nivel Wilco, claro. Mais esas dúbidas con esborráxanse no directo. Os seis músicos espremen as posibilidades dos seus instrumentos, poden acariciar cunha melodía e mergullarte nunha tormenta e boa mostra foi “Art of Almost”, unha das interpretacións máis aplaudidas da noite.

Apenas había respiro neses momentos que tiran polas experimentacións, polo kraut, con cambios de guitarra mesmo durante as cancións para dar sempre os detalles ou sons que cren mellor acaídos. Tocou relaxarse un pouco con “Company on My Back”, despois algo de rock and roll con “Pickled Ginger” e unha “Hummingbird” fermosa con Tweedy collendo o sombreiro na man. Ademais dos momentos e matices de até tres guitarristas e dous teclistas, a base rítmica estivo sempre no seu sitio, fantástica e os coros na mellor tradición do country rock no que comezaron. Seguen mesturando pezas máis breves con outras máis enrevesadas e gozan dos finais intensos e máis puramente instrumentais. En “Handshake Drugs” acompañan as palmas e o guitarrista Nels Cline segue a locerse ante un público que recoñecerá unha e outra vez o seu labor. “Clod Slope” e “King of You” tamén mateñen o nivel excelente da noite e a continuación tres cargas de profundidade que acaban de convencer a quen non o estivese xa: “Via Chicago” , “ Spiders (kidsmoke)” e o máis próximo que tiveron a un éxito masivo“: Jesus etc”.

Tras isto, podiamos quedar satisfeitos, mais non ían deixar de aproveitar a noite para seguir reivindicando cancións e aristas da súa proposta, que non deixou de recrearse en diferentes aristas e da súa proposta. Así foron saltando pola súa discografía noutra parte de cancións de corte máis clásico e luminoso: ”Box Full Of Letters”, “Heavy metal drummer”, “I”m The Man Who Loves You”, “Dawned On Me”. Si, non podía faltar “Impossible Germany” un dos “case-hits” imprescindibeis dun público alternativo ou curioso. Se cadra, das cancións que chegasen ao mundiño comercial, que alguén despistado poda recoñecer, faltou só o “You and I” con Leslie Feist. Despistad@s ou non, quen presenciou o de onte constataron que Wilco teñen unha reputación gañada a pulso con algúns álbumes magníficos e uns directos desta intensidade. “The Late Greats” puña fin ao gran bloco grande da velada e o público no Pazo da Ópera non tardou 2 segundos en poñerse en pé para ovacionar.

Mais se os xenerosos 100 minutos xa ían quedar na memoria roqueria da cidade (alí estabamos moit@s apaixoad@s do rock e músic@s), faltaban os bises. Que non foron bises, senón un set acústico de case media hora. Case sempre contido, pero até neste formato recollido recrean a tormenta da fantástica “Misunderstood”. ”It”s Just That Simple” puxo o momento máis country co seu autor Stirratt collendo o protagonismo vocal tras un concerto no que sempre estivera impecable aos coros, “War on War”, “I”m Always in love”, e outro final para enmarcar con “California Stars” e “A Shot in the Arm”. De novo, o público inmediatamente en pé e a sensación dunha gran noite, esa na que unha das bandas de rock das dúas últimas décadas deixou pegada na Coruña.

Pepe Cunha, 30-xuño-2016

fotos de público

AXENDA