Ven 20/07
Praza da Ferraría
22.30 h Entrada gratuíta
Nacido o 21 de decembro de 1943, é un cantante e guitarrista estadounidense, que naceu e vive en Nova Orleáns, onde é considerado unha das súas principais figuras musicais. As súas raíces beben do blues, pero compleméntanse con outros estilos como o funk e o R&B , para crear un son propio e único, perfectamente recoñecible.
Cando era neno, empezou a cantar góspel e a tocar a guitarra animado polos seus pais, que, aínda que non eran músicos, intuíron rapidamente o talento que atesouraba o seu fillo, así como por varios dos seus tíos e curmáns, que si se dedicaban á música profesionalmente.
Sendo aínda case un adolescente, foi invitado a formar parte da banda de Lee Dorsey. Despois, ao longo dos anos, a súa carreira incluíu colaboracións con outras grandes figuras do blues como Johnny Adams e Irma Thomas. Esta última interpreta un dos cortes do seu último álbum, nunha especie de homenaxe que pecha dalgunha forma o círculo da súa relación profesional.
Ao principio da súa carreira, na década dos anos 60 do século pasado, Washington formou o seu propio grupo, “All Fools Band”, e dedicouse a tocar a súa música nos clubs de Nova Orleáns.
Nos 70, uniuse á banda de Johnny Adams, con quen tocou durante vinte anos, acompañándoo tanto nas súas actuacións en directo como en múltiples discos de estudio. Durante este tempo, continuou tamén traballando en solitario, e formou a que sería a súa banda definitiva: The Roadmasters, cos que empezou a facer xiras hai máis de corenta anos e que aínda hoxe o acompañan nas súas actuacións, como nesta de Pontevedra.
Washington lanzou o seu primeiro disco en solitario, Rainin’ In My Life en 1981, cun pequeno selo de Nova Orleáns, “Help Me”. Posteriormente, a mediados desa década asinou un contrato con “Rounder Records”, con quen sacou ao mercado tres álbums. Tamén traballou con “Point Blank Records”, filial de “Virgin”.
É habitual velo colaborar con outros dous magníficos músicos da súa cidade natal, o teclista Joe Krown e o batería Russell Batiste, Jr., formando un trío que adoita tocar no archicoñecido club local Maple Leaf Bar.
En 2008, tras moitos anos sen publicar novos discos, lanzou Doin’ the Funky Thing, e una gravación dun concerto no Maple Leaf cos seus dous compañeiros habituais.
En 2014 lanzou outro disco en directo, Howlin Live at DBA, e máis recentemente, en abril de 2018, My Future is my Past.
Washington personifica os dous extremos da tradición vocal afroamericana: os gritos salvaxes e apaixonados de James Brown e as liñas melodiosas e urbanas de Nat King Cole, nunha moi persoal mestura que non deixa a ninguén indiferente. Hai nas súas interpretacións suavidade, pero tamén crueza, e o resultado é sutil, de bo gusto e potente. A súa guitarra ten un ton candente, pero tamén se perciben con claridade os acordes dun intérprete de bebop, con matices máis propios da improvisación jazzística.
FORMACIÓN:
Walter “Wolfman” Washingon: guitarra e voz
Terry Scott Jr.: batería
Jack Cruz: baixo e voz
Tom Fitzpatrick: saxo e voz
Steve Detroy: teclados