VVAA “Ao son delas”

Marzo 03, 2020

Aquí temos a mostra en disco do proxecto O son delas, impulsado polo instituto Maximino Romero de Lema de Baio e recoñecido con excelencia na innovación educativa en dinamización lingüística. A comunidade educativa emprega a música galega como elemento vertebrador da normalización lingüística e así dá visualización á produción do país e, neste caso concreto, a protagonizada por mulleres.

Con deseño doutra referente, Laura Romero é creadora de Músicas Galegas Ilustradas e baixista de Zënzar, o disco inclúe creacións xa coñecidas e cedidas altruistamente por proxectos principalmente femininos: Habelas Hainas (“O himno das mulleres”), A Banda da Loba (“Anagnórise”), Guadi Galego (“Fronteiras”), Tanxugueiras (“Que non mo neguen”) e A Comuna del Barruzo (“O espazo de Gargayú”). Mais sendo Manuel Maseda (Serralle-aí!, Os Diplomáticos …) o director do instituto, non podía falta a presencia dunha arte de noso como a regueifa, aquí protagonizada por dous referentes femininos absolutos. Alba María e Lupe Blanco presentan as pezas como se o disco fose unha sorte de “radiogueifa”.

Todos os beneficios da venda son para a filla de Ugia Pedreira (Chouteira, Marful, Nordestin@s, A Comuna del Barruzo …) Lúa Awel, diagnosticada de microcefalia, atrofia cerebral e leucomalacia multiquística periventricular severa. “Este disco é bonito / cada un cantou a súa / vamos a seguir cantando / como nos canta a Lúa”

Pepe Cunha, 3-marzo-2020

AXENDA

Facebook