Se Andrés do Barro xa era unha icona do pop galego, agora convértese no primeiro artista con dous discos tributo ou homenaxe. A aquel “Manifesto Dobarrista” a nivel galego de hai catorce anos sumamos agora este álbum confeccionado na súa comarca natal para acompañar unha exposición homónima no Centro Torrente Ballester de Ferrol. A mostra estivo comisionada pola filla do artista e por Fernando Fernández Rego, autor da súa biografía e corresponsábel de Ferror Records canda Sergio Sequeiro. Os dous socios da entusiasta discográfica encargáronse da produción e a selección musical e Alberto Amigo (Todo el largo verano) do deseño.
Os quince nomes participantes teñen maior ou menor relación coa comarca e o selo e algúns xa aparecían naquela primeira homenaxe: Quant, Todo el Largo Verano, Faltriqueira ou agora noutros proxectos como Ninhodaguia (ex-Boy Elliott), Devalo (ex de Nouvelle Cuisine), Os Peregrinos … e cadaquén leva a canción escollida a onde mellor lle pareceu, como debe ser, pois a cuestión é revivir, reler parte do cancioneiro, tanto as máis famosas “O tren”, “Corpiño xeitoso”, “Miña Maruxa” ou “San Antón” como caras B de sinxelo ou algunha peza deses traballos crepusculares.
Amparo Arias abre con estilo pop folk, Faltriqueira xogan con ritmos máis tradi e polifonías, Devalo fai de “Qué máis dá” un hit bailábel, Papi e Mami (María Faltriqueira e Jorge Juncal) traducen ao galego aquela incursión dobarrista nos ritmos latinos, The Harriers danlle ao country, Los Eternos amosan o seu bo estado de forma en “Con máis amor”, o power pop chega con Bang 74, Quant fai unha sorte de soul-pop, Daniel Alonso sae moi ben paradoi da súa lectura da triste “Adeus adeus”…En resumo, unha escolma humilde, meritoria, variada en riscos e estilos que podemos escoitar no bandcamp da discográfica, pois a edición física está xa esgotada.
Pepe Cunha, 19-setembro-21
repertorio
Amparo Arias – Meu país
Faltriqueira – Miña Maruxa
Papi e Mami – Para iso somos dous
The Harriers – San Antón 0
Bang 74 – Noite de queimada
Los Eternos – Con máis amor
Quant – O tren
Feed the Pet – Que lonxe fun
Lume – Corpiño xeitoso
Os Peregrinos – Pandeirada
Devalo – Que máis dá
Todo el Largo Verano – Para che falar de amor
Jacobo & Alberto – Amor, amor
Ninhodaguia – Adeus, adeus 0
Willie & Winnie – Yo no sé