Volve a Santiago o Mercado da Estrela, 14 e 15 de decembro

Decembro 10, 2013

nota:
A segunda edición do Mercado da Estrela terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o vindeiro sábado 14 e domingo 15 de decembro en horario de 11h. a 20h. para os espazos interiores, e ata as 23h. o sábado e as 22h o domingo, na carpa de restauración e música que se instalará no Xardín de San Roque, sumando a Zona C para o desenvolvemento de obradoiros culturais.

Tralo enorme éxito de asistencia da súa primeira convocatoria, o Mercado da Estrela regresa este Nadal irmanando aos dous museos composteláns que neste 2013 celebran o aniversario da súa creación: os vinte anos do CGAC e os 35 do Museo do Pobo Galego.

Continuando co seu lema “Agasalla talento galego” o Mercado da Estrela recupera a intención de visibilizar o traballo dos creadores galegos para que apostemos por eles nos nosos regalos do Nadal. Tratáse así dunha proposta integradora de cultura, artesanía, sostenibilidade, restauración, solidariedade, creatividade, ocio, compras e novas tendencias que reunirá a artistas, artesáns, produtores e emprendedores para dar a coñecer as súas pezas e produtos nas datas previas ás festas. Os dous museos que farán de anfitrións da iniciativa darán acolllida así ao talento dos novos creadores galegos e ás súas coleccións de ilustración, moda, bixutaría, complementos, fotografía, bonecos, decoración e obxectos para o fogar, papelería, adornos de nadal e un sinfín de orixinais creacións que se exhibirán en stands exclusivos e elaborados para a ocasión intentando recrear o concepto de calor de fogar.

A Concellaría de Economía, Comercio, Turismo e Mercados a través de Santiago de Compostela Turismo, apoia a iniciativa e, máis concretamente, o Espazo de restauración e música, que se ubicará nunha carpa instalada para a ocasión no Xardín de San Roque, fronte ao CGAC. Nesta zona os visitantes poderán almorzar, comer, merendar e cenar degustando os apetecibles a atractivos produtos de alimentación e bebidas dispoñibles, ao tempo que gozar das actuacións musicais de bandas como Apenino, Sinestesia, Carrero Bianco, Trampoline, The Winning Numbers, Sonchello Quartet e Trinzadura.

O Mercado da Estrela contará ademais cun amplo abano de actividades complementarias no que destacan as acción didácticas sobre redución, reutilización, reciclaxe e sostibilidade promovidas por Sogama que, como impulsora do evento, estará presente co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes, cunha aula móvil divulgativa no corredor que conduce cara o Parque de Bonaval. En ambos museos realizaranse tamén obradoiros creativos de elaboración de adornos de Nadal en diversos materiais, calceta, ganchillo e canción tradicional, así como concertos a cargo da agrupación de música antiga Herbens Consort e dos alumnos de música clásica do Conservatorio de Santiago de Compostela.

Como especial atractivo do mercado navideño destaca á súa vez a charla-coloquio sobre cociña tradicional galega de Nadal que levará a cabo o popular presentador do programa de TVG Larpeiros, Benigno Campos, así como a proxección da serie galega para internet El Quid. No Mercado da Estrela habilitarase así mesmo un espazo para a soliedariedade no que agrupacións de axuda aos máis desfavorecidos darán a coñecer as súas actividades e tratarán de captar voluntarios e obter doazóns económicas, ademais dun servizo de gardería ludoteca para o entretemento dos máis cativos.

O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile que conta co patrocinio de Santiago de Compostela Turismo e Sogama , realizada grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, o CGAC, o Museo do Pobo Galego, Estrella Galicia, En Panties Producciones, o Café do Museo e Quendda. A feira navideña en formato máis reducido ten previsto aterrar en A Coruña o vindeiro venres 20 e sábado 21 de decembro, e en Ferrol o venres 27 e o sábado 28 de decembro grazas á colaboración da Fundación Novacaixagalicia, que acollerá a iniciativa nos seus centros socioculturais nas respectivas cidades.Museo do Pobo Galego e Dona Elena E. Sánchez e Dona Mónica Mejías, codirectoras de Correveydile e organizadoras do Mercado da Estrela

Vídeo promocional:

AXENDA

Facebook

9 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook