Se nalgo coinciden as artistas seleccionadas para o festival Voces Femeninas é que, como mínimo, se achegan por primeira vez a estes lares e anos despois adoitan crecer en recoñecemento. Esta cuestión atrae o público máis avezado, famento de novas propostas e mesmo hípster, por que non dicilo? Evidentemente, neste contexto existe o risco do hype e/ou bluff, pero o sábado pasado en Vigo volvimos constatar que non é o caso. Tanto o público máis ávido como as voces especializadas no circuito “menos mainstream” sabían que a presencia este ano de Tune–Yards sería unha experiencia a non perder. Visto o concerto, non estranará que o seu caché siga subindo e se faga case imposible volver telos a esta proximidade.
A presenza de Tune-Yards talvez provocou a redución do festival de 3 a 2 actuacións, pois merecían máis da media hora habitual. Non foi mala idea, como testemuñan quen asisitiron a varias edicións e falan xa dunha das mellores. O reclamo non defradou nin o máis mínimo e tamén resultou moi agradable a apertura da velada con Ölof Arnalds, máis en sintonía con edicións anteriores. Acompañada de Skúli Sverrisson ás cordas e algúns ritmos pregravados, a islandesa ofreceu unha actuación breve pero intensa que enganchou desde o mesmo comezo. A voz preciosa e a musicalidade tirando ao folk da ex dos Müm poderiamos engadila a unha liña ou tradición na que se encontraría con Sandy Denny, Kate Bush ou Vashti Bunyan.
A ninguén escapaba que a xente tiña ganas de ver a proposta máis sorprendente de Tune Yards e o boca a boca axudou a un moi boa resposta de público na cita viguesa, onde puñan final a unha xira estensa e intensa con 3 paradas en España da man desta sétima edición do Voces Femeninas. O proxecto de Merrill Garbus, apoiado fantasticamente por Jo Lampert e Abigail Nessen nas voces, Nate Brenner ao baixo e sintetizadores e Dani Markham na percursión, confirmou que as boas críticas son merecidas. Transmiten a enerxía e o inconformismo dunha fervenza de influencias de toda cor e pelaxe (pop, blues, jazz, R&B, ritmos tribais …) que cobra sentido e resulta moderna e anovadora grazas á pericia de Merrill Garbus para canalizar toda esa liberdade creativa. Iso xa se aprecia nas súas gravacións, pero faltaba por confirmar o directo.
A posta en escea dos seus xogos de voces, percusións, manexo dos pedais para crear bases ou bucles, a brillantez nos cambios, a luminosidade … confirmaron as expectativas do magnífico “Nikki nak”, que repasaron enteiro (“Sink-O”, “Find a New Way”, “Hey Life”, “Stop That Man”, “Time of Dark”, “Water Fountain”, “Real Thing”, “Rocking Chair” … ). Tamén interpretaron temas de álbumes anteriores como “Gangsta”, “Powa”, “Bizness”, “You Yes You”, “Fiya” (marabillosa interpretación) nunha exhibición de principio a fin. De feito, a orde do setlist pode variar sen problema e unha mesma peza pode estar unha noite ao principio e outra no final do concerto. Así de versátil é a súa proposta, capaz de chegar a ouvidos que demanden ora momentos de maior sofisticación, ora melodías directas.
Algo máis dunha hora intensa, abafante de música que deixou o público contentísimo por ter presenciado algo ben especial. Se sumamos que a música que soaba antes e entre concertos estaba protagonizada por Aretha Franklin, só temos boas palabras para a organización. A ovación final tan grande cómpre entendela como recoñecemento ao espectáculo do que acabamos de gozar e por extensión a quen fixeron posible que acontecese, principalmente a Coconut Producciones, como tamén recoñeron as artistas Arnalds e Garbus.
Pepe Cunha, 2-decembro-2014