villanueva “viajes de ida”

Febreiro 03, 2015

Cando unha estrea discográfica soa tan compacta, sospéitase que haberá unha traxectoria detrás e/ou un bo labor de produción. Neste caso, acontecen as dúas cousas: Villanueva é o segundo apelido do vigués Josete Díaz Villanueva, que formaba parte de Martynez, e o seu cómplice na produción é Ángel Luján (Annie B Sweet, Vetusta Morla, Le Punk). Precisamente a banda do álbum está formada por músicos dalgunhas das formacións coas que ten traballado: Ramiro Nieto (The Right Ons, Jet Lag), Carlos Sosa (Fuel Fandango), Javier Doria (Anni B. Sweet) ou Óscar García (Tuya). Non é de estrañar logo o resultado final.

“Viajes de ida” soa compacto, potente, sobrio e transmite seguridade nas letras e na interpretación. As cancións sucédense cun equilibrio roqueiro de elegancia e descaro e certa acidez que atrapan co tempo e as escoitas. Sen querer isto dicir que o álbum non conteña partes máis inmediatas como as liñas de guitarra de “Inevitable” e os retrousos tarareable de “Thelma”, a peza máis pop, ou “Bombas nucleares”. A importancia da melodía, a autoesixencia das letras (“En septiembre” serve coma exemplo) e certa gravedade da voz remítenmos a máis que probables influencias de nomes clásicos principalmente anglosaxóns (Patti Smith, Nick Cave, Cohen, Lou Reed …) e o máis reivindicable rock independente español dos 80.

Villanueva non resulta pretencioso nin carece de ambición, amosa bagaxe e cultura músical para coidar letras e melodías a prol de construír cancións que funcionen. Transmite a estética combativa de quen procura beleza no lado menos luminoso, o das situacións complexas e reflexivas, o desamor ou a rabia dunha “Circo de bastardos”. Ademais das citadas, “Sota, caballo y tú” co seu toque electrónico, “Ahogándonos”, a balada “En vena” ou unha reflexiva “Extraño” que comeza espida etermina vestida de tormenta beben de cadansúa tendencia, época ou estilo dentro do pop-rock para acabar por transmitiren personalidade propia e facturar un álbum notable.

Edita, tamén desde Vigo, Esmerarte.

Pepe Cunha, 2-febreiro-2015

AXENDA