O compositor e pianista Vijay Iyer foi descrito pola crítica como “un dos máis interesantes e vitais pianistas novos do jazz actual” (Pitchfork); por The New Yorker como un “dos pianistas máis importantes de hoxe en día (…), esaxeradamente capaz (…), brillantemente ecléctico”, e polo xornal Los Angeles Weekly como “unha ilimitada e sumamente importante nova estrela”. Foi votado en 2010 como Músico do Ano pola Asociación de Xornalistas de Jazz e nomeado como un dos “50 indios máis influentes a nivel mundial” pola revista GQ India, aínda que foi en Estados Unidos onde naceu (Albany 1971) e se criou. É fillo dun farmacéutico e unha economista orixinarios da India e emigrados nos anos 60 a Norteamérica.
Iyer publicou dezaseis discos como líder. Os máis recentes son Accelerando (2012), Tirtha (2011), Solo (2010) e o multipremiado Historicity (2009). Historicity foi candidato en 2010 ao Grammy como mellor disco de jazz instrumental, e foi elixido mellor álbum de jazz do ano por The New York Times, Los Angeles Times, Chicago Tribune, Detroit Metro Times, etc. O trío gañou o Echo Award de 2010 ao mellor grupo internacional e os críticos de DownBeat seleccionárono como grupo emerxente do ano.
Nun xénero, o jazz, cada vez máis globalizado, quizais o deste instrumentista e compositor sexa o mellor exemplo de cara a onde se dirixe este estilo. Na última edición da enquisa anual da revista especializada DownBeat, na que vota un gran número de críticos, obtivo a plusmarca en cinco apartados: foi elixido artista do ano, e ademais o mellor nas categorías de pianista, disco (Accelerando), grupo (o trío que forma con Stephan Crump e Marcus Gilmore) e compositor en ascenso.
www.vijay-iyer.com