O oitavo disco do guitarrista ferrolán confirma que o anterior ”A soidade pide copas nos bares” (2014) pechaba unha etapa ou liña estilística. Ese traballo, que merecía mellor sorte, repasaba dun xeito acústico boa parte das cancións que gravara a partir de obras de poetas galeg@s. Agora racha con esa etiqueta de bluesman puro e melancólico en galego e reivindícase máis coma bluesroqueiro, ademais de empregar o castelán nas oito composicións propias. A estas sumamos unha versión acertada de ”La mala hora” de Radio Futura (incluída naquel mítico “La canción de Juan Perro” e inspirada nunha novela de García Márquez.)
No lírico deixa os poetas, aínda que a ruptura non é total e quede pegada: “Bar de la noche”, “Cerca del puerto” ou “Estoy solo” lembran a atmosfera dalgúns poemas do eumés Ramiro Fonte, tan ben acaído á melancolía bluseira. En xeral, e malia os tópicos identitarios do xénero, como “Vuelvo a casa”, e non tratarse dun escritor brillante ou erudito, Aneiros entrega cancións máis que aproveitabeis e con liñas ben solventes: “Ciudad Olvido” abre o disco co primeiro exemplo dun acedo ton social e merece ser un éxito non só no imaxinario da súa cidade. “Bórrate”, cun ar ao chamado rock urbano, anima a ser un mesmo e non caer nas distintas lacras que turbian a nosa convivencia. Tamén fala da parte turbia das redes sociais en ”Mucho postureo” ou a hipocrisía desta sociedade co drama dos ”Refugiados”: ”cuántas vidas se tienen que perder / para que el dinero de la guerra / deje por fin de valer la pena”.
A produción de Segundo Grandío é un acerto para nos enchoupar do power blues eléctrico, de Memphis, Chicago, New Orleans. Na gravación si que non hai novidades e acompáñase de xente de confianza: Marcos Sánchez e Víctor Gacio controlando a base rítmica e Fran Rey achegando brillo desde os teclados. E como sinais de identidade, unha voz rasgada que amosa veteranía e achega credibilidade, e uns riffs e punteos de guitarra que recenden a Johnny Winter, Rory Gallagher, Albert King ou Jeff Beck, por citar esa época dourada, a cabalo entre os 60 e os 70.
Sen dúbida, Aneiros completou o disco que lle apetecía, co que sente cómodo neste momento, e iso nótase nun resultado convincente.
Pepe Cunha, 15-decembro-2017