No seu álbum anterior, o guitarrista ferrolán musicara o poema de Ramiro Fonte (1957–2008) “Na barra”. Seica confirmou que a obra do poeta eumés transmite blues, porque agora son sete poemas os que constitúen o núcleo deste seu quinto longa duración. Ademais dos instrumentais que abren e pechan o álbum, “Bule bule” e “Canido blues” respectivamente, Aneiros adapta sete poemas de xuventude e primeira madurez do poeta. “Sirenas da policía”, “Lupanar de cristal”, “Máis alá”, “Autor de westerns” sobre o director irlandés de cinema John Ford, “Vida bohemia”, “Un tute á morte” ou “Sombras de Compostela” son de seu títulos significativos, urbanos, que rezuman a ambientes nocturnos, melancolía, personaxes decadentes, sombras, atracción polo abismo… No musical, ademais do seu xa coñecido dominio da guitarra e máis comodidade coa voz e a súa sobria base rítmica actual (Marcos S. Yánez na batería e Víctor Gacio ao baixo), contou na gravación con colaboracións de Javier Vargas na guitarra en “Axúdame” (único poema do álbum que non é de Fonte, senón de Xosé Carlos Caneiro) ou Mauri Sanchis no Hammond. Se no textual hai xa tempo que se afianzou no galego, no musical Aneiros achega máis ca nunca o seu blues característico ao pop e o rock, asinando quizais o seu álbum máis accesible, cunha notable sección de vento a cargo de Roberto Somoza, José Somoza e Fernando Froján. myspace.com/victoraneiros Como acontecía con “Live in Montreaux”, “”Blues do amencer” e “Heroe secreto”, publica o selo éuscaro Gaztelupeko Hotsak
Pepe Cunha 04-agosto-2010
Featured