víctor aneiros “a soidade pide copas nos bares”

Xullo 11, 2014

Tras o traballo con Julie Guravich, o novo álbum de Víctor Aneiros non presenta cancións novas, senón unha reinterpretación en versións acústicas de cancións aparecidas nos 3 últimos discos (os ”galegos”) do guitarrista: “O blues do amencer” (2004), “Heroe secreto” (2008) e “Brétemas da memoria” (2010). Non é unha fórmula novidosa (lembren os “Unplugged” aínda que isto non sexa exactamente un desenchufado) nin será unha mera estratexia comercial tal como está o mercado. Porén, si resulta o recurso artistico dunha ollada atrás no repertorio para recuperar e/ou dotar doutra vida ás cancións máis ou menos coñecidas.

Dado que nestes tempos a venda de discos é case anecdótica fóra dos concertos, o importante do caso é o resultado da revisión e aquí paga moito a pena. A intensidade da súa guitarra eléctrica cedeu agora o protagonismo a uns arranxos e instrumentación novos, especialmente pola presenza de Fran Rey ao acordeón. Ademais, a forma acústica serve para que as guitarras, e por extensión as cancións, ofrezan máis calidez e Aneiros se solte definitivamente coa voz.

“A soidade pide copas nos bares” consegue transmitir intimismo, melancolía, bohemia, e Aneiros segue a reducir a anecdótica ou cativa esa etiqueta de “músico de blues” que sempre o acompaña. Nos bares á noite soan máis estilos que o blues, e os poemas musicados, especialmente os do eumés Ramiro Fonte, casan realmente ben con estas atmosferas. Ademais, este formato propicia máis flexibilidade á hora de xirar e ofrecer concertos.

Edita o selo vasco Gaztelupeko Hotsak, sumando xa cinco discos do ferrolán e o mencionado coa vocalista Julie Guravich, xa revisado en Ábrete de orellas.

Pepe Cunha, 11-xullo-2014

AXENDA