Víctor Aneiros

Marzo 26, 2015

nota:

presentación de “A Soidade pide copas nos bares”

9,50 € Público Xeral
6,65 € Abonados – Carné Xove ou de Estudante (ata 25 anos) – Desempregados

Tras o traballo con Julie Guravich, o novo álbum de Víctor Aneiros non presenta cancións novas, senón unha reinterpretación en versións acústicas de cancións aparecidas nos 3 últimos discos (os ”galegos”) do guitarrista: “O blues do amencer” (2004), “Heroe secreto” (2008) e “Brétemas da memoria” (2010). Non é unha fórmula novidosa (lembren os “Unplugged” aínda que isto non sexa exactamente un desenchufado) nin será unha mera estratexia comercial tal como está o mercado. Porén, si resulta o recurso artistico dunha ollada atrás no repertorio para recuperar e/ou dotar doutra vida ás cancións máis ou menos coñecidas.

Dado que nestes tempos a venda de discos é case anecdótica fóra dos concertos, o importante do caso é o resultado da revisión e aquí paga moito a pena. A intensidade da súa guitarra eléctrica cedeu agora o protagonismo a uns arranxos e instrumentación novos, especialmente pola presenza de Fran Rey ao acordeón. Ademais, a forma acústica serve para que as guitarras, e por extensión as cancións, ofrezan máis calidez e Aneiros se solte definitivamente coa voz.

“A soidade pide copas nos bares” consegue transmitir intimismo, melancolía, bohemia, e Aneiros segue a reducir a anecdótica ou cativa esa etiqueta de “músico de blues” que sempre o acompaña. Nos bares á noite soan máis estilos que o blues, e os poemas musicados, especialmente os do eumés Ramiro Fonte, casan realmente ben con estas atmosferas. Ademais, este formato propicia máis flexibilidade á hora de xirar e ofrecer concertos.

Pepe Cunha, 11-xullo-2014

Víctor Aneiros, edita un novo disco, o sétimo da súa discografía oficial, e o bautiza co inequívoco título de A soidade pide copas nos bares.

Edita, unha vez máis, o selo vasco Gaztelupeko Hotsak, que xa tén no seu catálogo cinco discos do músico de Ferrol.

Son versións acústicas tiradas de tres discos anteriores, O blues do amencer (2004), Heroe secreto (2008) e Brétemas da memoria (2010). Xuntas, na súa nova forma acústica -pero en absoluto desenchufadas- as pezas compoñen un sublime fresco arredor da melancolía.

As versións de Miña bala perdida, Vida bohemia, Un tute á morte e Autor de westerns cobran novos significados nos solos da guitarra clara, limpa, espida de Aneiros. E medran tamén en intensidade, coa incorporación afortunada dun vello coñecido do guitarrista: Fran Rey, que mantén fermosos diálogos bohemios, casi parisiens, co seu acordeón. É un duelo amistoso, parolado con profunda sinxeleza, fronte á guitarra de Aneiros.

Nesta época de pensamentos únicos e dóciles, esquecer -para non sentirse estranxeiro- é o que quere a maioría. Pero A soidade pide copas nos bares propón todo o contrario, e bota unha arrolladora ollada nostálxica sobre todo o que perdimos.

AUTOR DE WESTERNS – Videoclip

AXENDA

20:30 h.
Café Teatro do Pazo da Cultura, Narón.
6,5 / 9 €