VERÓNICA CODESAL ESTREA NOVO PROXECTO EN GALIZA

Xullo 19, 2023

nota:

Os pés en Bélxica, onde leva anos triunfando con diferentes proxectos, e a cabeza e o corazón en Galicia, de onde nace a súa inspiración e as súas raíces. Verónica Codesal regresa aos escenarios cun novo proxecto, 100 Voltas, no que fusiona as raíces galegas que a viron nacer como artista con influencias de todo o mundo, e no que envorca todo o seu talento compositivo, acompañada non só de grandes músicos, senón tamén de coñecidas voces da poesía galega contemporánea.

Tras o seu segundo posto en Eurovisión en 2003 representando a Bélxica como líder do proxecto Urban Trad, e con máis de dúas décadas sobre os escenarios ás súas costas, Verónica Codesal regresa agora ás súas raíces, figurada e fisicamente, cun disco que virará por Galicia entre o 24 e o 30 de xullo.

A voz galega universal

As raíces familiares e musicais de Verónica Codesal están en Galicia -os seus pais emigraron desde Guitiriz a Bélxica, país que a viu nacer en 1977-, e toda esa tradición envórcase en 100 Voltas dunha forma moi especial, con composicións que fusionan a tradición galega con diferentes influencias.

Acompañada dos belgas Didier Laloy ao acordeón diatónico e Damien Chierici ao violín, e do tongoleño Boris Tchango á percusión, Codesal constrúe un universo sonoro propio que bebe das fontes tradicionais galegas, e ao que incorpora ritmos árabes, do leste de europa, ou do folck-pop máis rítmico. A esas cancións tradicionais suma letras propias, e outras asinadas por algunhas das voces máis recoñecidas da poesía galega contemporánea, como Lucia Aldao, Yolanda Castaño, Rosalia Fernández Rial ou Brais Fernandes.

Tantas voces femininas responden a un claro obxectivo: deixar claro o compromiso da artista co feminismo, que se ve claramente reflectido nunhas letras nas que a muller é protagonista indiscutible.

Todo este espírito galego que impregna o proxecto levou a Verónica Codesal ha elixir Galicia como punto de partida para a presentación deste disco, na que será a súa primeira xira mundial.

Xira galega

100 Voltas chega o próximo 24 de xullo a Galicia, nunha mini xira moi especial coa que Verónica Codesal espera conectar co público galego dunha forma intensa pero tamén participativa, en directos que son capaces de converter nunha festa a experiencia.

25/07/2023 – 19:30 horas Patapalo, Illa de Arousa
26/07/2023 – 20:30 horas Centro Cultural Ágora, A Coruña
28/07/2023 – 22:30 horas, Fortaleza de Salvaterra de Miño, Salvaterra de Miño
29/07/2023 – 22:00 horas, Parque de San Francisco, Ribadeo
30/07/2023 – 21:30 horas Praza da Quintana, Santiago de Compostela

Esta xira está organizada por SceneOff vzw, axencia de management, booking e produción, e conta co apoio da Fédération Wallonie-Bruxelles, Secteur deas Musiques e Wallonie-Bruxelles International.

Facebook