Tras “The Joy” e “Green with Envy”, o guitarrista compostelán de jazz Valentín Caamaño presenta o seu primeiro disco autoeditado (TinyMoon Records) e con maioría de composicións orixinais. As excepcións son o clásico “How Deep Is The Ocean” de Irving Berlin e “Again Never” do contrabaixista Alfonso Calvo que, canda LAR Legido á batería, repite da formación daquel primeiro álbum. Pero hai máis noticias salientabeis, como que Caamaño se anima a cantar en 3 cortes e que o saxo tenor de Xosé Miguélez participa noutro par.
O traballo é de corte tradicional, con Grant Green ou Wes Montgomery sobrevoando, con moito be-bop e tamén a súa dose de swing, con elegancia nos solos e acompañamentos. Entre as composicións, salientamos a presenza da estupenda “6:26 A.M.” que xa coñeciamos polo disco do Paulo Silva Trío “Mae”. Antes, o tema que abre e titula o álbum presenta con vigor (case) todos os instrumentistas que van brillar con elegancia ao longo do disco, en especial neste tema o saxo tenor de Miguélez e a guitarra de Valentín Caamaño. A voz deste preséntase en “Turn the Screw” e faino o mellor que pode (“doing my best”) tamén nas outras 2 cancións, cumprindo cun estilo relaxado ao Chet Baker (salvando as distancias) que de seguro mellorará en técnica e pronunciación.
Coma nun disco clásico, os instrumentistas cédense o protagonismo e van entregando momentos a celebrar, como a sección rítmica en “How Deep is the Ocean” e “Turn the Crew”, a batería e o saxo en “Again Never” e a guitarra do líder do proxecto que sempre atopa o seu momento sen forzalo, como en “May Your Blues”. Un disco de boa factura e tamén asequíbel para orellas aínda non moi entendidas pero si abertas ao jazz.
Pepe Cunha, 19-marzo-2018