vaamonde, lamas & romero “o tambor de prata”

Decembro 19, 2011

Un segundo álbum ben especial é o que presenta este trío formado polos reputados músicos galegos Suso Vaamonde (gaita, pandeireta neoclásica, triángulo, pandeireta, rebarbadora e voz), Pedro Lamas (saxo soprano e voz) e Xosé Lois Romero (acordeón, tarrañolas e voz). “O Tambor de Prata” refírese ao agasallo que Afonso XIII fixo aos Trinta de Trives por participaren na súa coroación en 1902 e serve coma título a esta colección de pezas inspirada na curiosa formación mencionada no subtítulo: “Aventuras e desventuras de Os Trintas de Trives”. Esta banda ourensá dirixida polo compositor Ricardo Courtier tivera o seu éxito por Galiza e América cunha música e unha indumentaria totalmente orixinais e desprexuizadas. Este espíritu de diversión que non descoida a mestría interpretativa é o que amosan Vaamonde, Lamas & Romero, pero non só na gravación de estudio senón tamén no directo. Coma proba disto, acompañan un DVD coa gravación do concerto coa Banda Municipal da Coruña no Pazo da Ópera o pasado 17 abril. Desta actuación recuperan tres pezas no mesmo CD: “Os trintas”, “Canto de seitura de Trives” e “Villoria”. O resultado final é un proxecto musical no que van da man a diversión e o virtuosismo, cunha posta en escena aquelada con elementos interpretativos e escenográficos como uso de perrucas, vestiario da época e moita comunicación co público, con puntos humorísticos como a zarzola galega “La alegría de la huerta”. Digipack atinadamente deseñado por O Pastor e editado por Fol Música,
Pepe Cunha, 19-dec-2011

AXENDA

Facebook