nota:
Vaamonde, Lamas & Romero tocan coa Banda de Música de Ordes no seu 25 aniversario. O trío únese deste volta á Banda de Ordes na Discoteca LP45 desa mesma vila, nun concerto de celebración do 25 aniversario desta formación, con entrada de balde. O espectáculo xunta tradición e modernidade, música, teatralidade, e sobre todo moito humor.
Vaamonde, Lamas & Romero sorprenderán ao público cunha proposta orixinal e divertida: un concerto con banda de música en clave de humor. O espectáculo inclúe arranxos sobre repertorio tradicional realizados polo saxofonista e compositor Roberto Somoza, que de xeito maxistral combinan o sabor popular con elementos de modernidade. Música popular, teatralidade e retranca dan a man neste espectáculo, “un auténtico bálsamo terapéutico e liberador para estes tempos de crise”. Desta volta únense á Banda de Música de Ordes, coa que actuarán o sábado 27 ás 20 horas na Discoteca LP45 de Ordes. A Banda celebra este ano o seu 25 aniversario con diversos actos, entre eles, este concerto gratuíto. A apertura de portas é ás 19:45 horas.
Xesús Vaamonde (gaita, percusión e voz), Pedro Lamas (saxo soprano e voz) e Xosé Lois Romero (acordeón e voz) percorren nas súas traxectorias individuais, desde a música de raíz ata o folk, a fusión ou o jazz, alén da docencia, a composición e dirección musical ou a publicación de partituras. Os seus nomes están ligados a algúns dos mellores momentos e artistas da música galega recente: Nova Galega de Danza, Fuxan os Ventos, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Susana Seivane, Uxía, aCadaCanto, Luvas Verdes, Quique Peón Cía, Faltriqueira, Guadi Galego, Galeoke, Leilía… Con eles teñen actuado desde Xordania a Nova York, pasando por Zimbabwe ou Bos Aires.
No 2006 deciden unir talentos para amosar a súa particular visión da música popular: unha proposta minimalista mais divertida que, tras unha aparente sofisticación, agocha unha divertida posta en escena que combina a partes iguais música e retranca, xogando cos prexuízos e rachando cos tópicos, co único obxectivo de pasalo ben, eles e o público. Un novo estilo musical que eles bautizaron como “tradicomedia”. No 2008 publican Vellas artes, e tres anos despois editan o CD-DVD O tambor de prata, no que se inclúe o concerto en directo acompañados pola Banda Municipal da Coruña, con arranxos feitos para a ocasión por Roberto Somoza.