Un traballo notable de promoción do emprazamento nas redes sociais e un cartel bastante atractivo levounos por fin ao V de Valares. Na Costa do Morte non abondan as citas de corte roqueiro e menos “mainstream”, polo que este festival aspira a ser referente canda un Sereas e Piratas aínda máis alternativo. O tempo acompañaba e pintaba unha cita boa de música e ambiente. Non obstante, conforme avanzaba a xornada, non todo sería tan idílico como se nos pintara. Achegando un espíritu positivamente crítico, nada grave pero si mellorable.
Dentro dun cartel onde predominaban nomes recoñecibles, o mellor concerto puido ser o duns Lisa and The Lips impecables na entrega e presentación do seu rock-soul-funky, mais tamén axudados por certo factor sorpresa: non son unha banda tan habitual por estes lares a pesar da base de operacións en Madrid. Algo semellante ao do nome puramente internacional, eses Undertones que nos visitaran hai anos no Cultura Quente de Caldas de Reis e que constataron que os veteráns viñeron a Galiza dar unha lección de son e actitude (pensemos en The Sonics en PortAmérica ou Wire no Sinsal de San Simón). Proposta clara e nítida de punk-rock nunha sucesión de clásicos da mellor época dos norirlandeses: “Here Comes the Summer”,”Teenage Kicks”, “Get Over You” … Xunto a estes dous concertos exitosos, probablemente situariamos o duns Corizonas que nin sorprenden nin defraudan. Soaron ben e conectaron de principio a fin, máis coas versións (“Wish You Were Here”, “Piangi con me”, “I”m Alive”) que cos temas propios. Volveu quedar claro que caben en festivais de distinta pelaxe.
Xa seguindo cos nomes máis recoñecibles, en xeral non fallaron, aínda que o concerto de Depedro soubo a ben pouco. Os retrousos e ritmos mestizos de “El pescador”, “Te sigo soñando”, “Hombre bueno” ou a versión de “Llorona” funcionan sempre e con públicos de gustos diversos. Ao igual que Corizonas, We Are Standard estiveron ben festivaleiros, entendendo esta actitude como moi comunicativa ou interactiva para co público, que a banda vasca xa tiña ben cargadiño a esas horas. Triángulo de Amor Bizarro na súa liña: actitude estrictamente musical e volume potente nese “ou os tomas ou os deixas”, En canto aos outros concertos, Lady Leño inauguraron ben voluntariosos e contundentes o palco principal. Xa no escenario Ecosons, entre os pinos, Escuchando Elefantes amosaron mestría nas distancias curtas, no contacto primeiro co público. Por algo se curtiron a base de tocar en rúas de países diversos. Entre versións e temas propios executados cunha entrega que venceu o vento gañaron a simpatía do escaso cento de persoas que os acompañamos. Escasa presenza tamén para unha das sorpresas gratas do festival: o dúo murciano Crudo Pimiento. Malia os problemas de son e a rixidez dos horarios, o seu blues-rock primixenio e básico nas cordas e percusión enganchou. Que volvan polo país! Finalmente, o escenario Ecopraia contou con algo máis de público e supuxo o comezo dos sons máis electrificados. Lowcos e Cool Funeral foron os protagonistas e quedaron en entretidos, especialmente os segundos.
Sen deixar totalmente o musical, cómpre referirse ao son e a infraestrutura, que de seguro é ben complicada en localización tan especial. Particularmente, había tempo que non notaba tanto movemento ou presenza de técnicos nos palcos. Talvez non fose moito maior que noutras citas pero si era ben visible e mesmo audible. Ademais, algunhas veces as probas de son amolan máis que outras, especialmente se coinciden mesturadas coas pinchadas ou entre actuacións,co público diante. Nada importante até aquí, pero xa diante do palco principal a sensación era de incomodidade nos momentos de maior afluencia. Si, a pequena costa abaixo na que se sitúa o público facilítalle a visibilidade, pero o largo habilitado coincidía co do palco, dando coma resultado un corredor do que custaba saír: a un lado a valla, ao outro rochas e monte. Achegarse a baños e barras, e en xeral moverse polo festival en si, era todo un traballo. E xa para rematar co tema da comodidade, fanse necesarios máis baños e contedores de lixo. Ou máis civismo no público, pero isto escapa á organización e máis cando o alcol e o exceso malentendido de festa anuba as boas maneiras. Tendo en conta ante todo o respecto polo espazo natural, sería recomendable incidir nesta concienciación. Poñer “Eco” diante do nome dun escenario queda no simbólico.
Mola facer campismo no piñeiral e gozar da praia e a música, pero quen vaian coa idea de se relaxar ou descansar tras os concertos e pinchadas, mellor non opten por durmiren alí, pois o “reenganche total” predomina, chegando xa de mañá a acompañarse con forza da música máis orquestreira. V de Valarés é un festival que para seguir crecendo debe coidar os detalles, sempre co respecto e a sensibilidade pola contorna por diante. Non chega con promocionar un lugar fermoso e traer un bo cartel de bandas. A música non é todo, aínda que deba ser o reclamo principal.
Pepe Cunha, 24-agosto-2014