Uxía “Será por flores”, Auditorio de Galicia.

Marzo 18, 2025

É vox populi que as músicas en galego están nun dos seus mellores momentos. Tamén é certo que para que gocen de boa saúde e prendan firmes cómpre coidarmos moitos aspectos ao seu redor. Sen dúbida, un deles é o de non esquecermos quen traballaron antes e mesmo seguen a facelo agora, como Uxía, que abriu a xira de celebración dos seus corenta anos de traxectoria. Chega a eles vital, animosa, con ganas, canda bos músicos e a cantar tan ben coma sempre. Entón, quen máis ca ela merece mostras de cariño e recoñecemento como a de onte ? Moitas témolo claro e así o amosamos na presentación do espectáculo “Será por flores” onde tiña que ser, nun Auditorio de Galicia case cheo e coa compaña de compañeiras artistas.

Coa bagaxe de recoñecemento e colaboracións acumuladas en catro décadas poderían ter sido moitas invitadas máis, o que tamén probablemente tería perxudicado o ritmo do concerto. Mais onte os cen minutos transcorreron fluídos, elegantes, entretidos, cun son e unha iluminación impecábeis. Na parte musical imaxinabamos que non habería fallo e máis cando apareceron o acordeón de Santi Cribeiro, as percusións de Isaac Palacín, as cordas e o pandeiro do brasilego Ségio Tannus e a guitarra eléctrica de Pablo Novoa, director musical deste espectáculo. E desde aquí até o final cómpre salientar a fórmula que vernizou o espectáculo sen necesidade de fogos artificiais ou lucerío: a escolla e distribución do repertorio, a escenografía, a colocación e os movementos de Uxía e convidadas. Viviamos unha noite na que a carga emocional era potente e condicionante mais a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento soubo canalizala para atrapar a atención do público e facer sentir cómoda á protagonista, favorecendo que a versatilidade sexa marca desta nova xira.

A mellor proba, un repaso ao repertorio. Entrou “a capella” con “Minha missao” e seguiu coa nova e homónima da xira “Será por flores”. Recitou e cantou Rosalía de Castro en “Daquelas que cantan”. Lembrou o Narf en “A quimera” co fantástico violín de Quim Farinha, co que sumaban tres Berrogüettos á vez no palco. Cantou e bailou “Morenita” con Javier Ruibal lembrando o disco conxunto “De tu casa a la mía”. O seu imprescindíbel “Alalá das Mariñas” contou coa achega fermosa de Budiño á frauta. O seguinte dúo vocal foi co Joao Afonso en “Verdes sao os campos” e tras ela sentou soa e coa guitarra para recuperar “Noite espero”, aquela súa primeira canción para ao festival de Bergantiños. Nese formato interpretou “Los ejes de mi carreta” de Atahualpa Yupanqui cos adornos á eléctrica de Pablo Novoa. De seguido, unha das sorpresas da noite: o “Rien de rien” de Edith Piaf tamén a capella e un micro “retro”. Tras unha das ovacións da noite, volveu cantar poetas: “Unha noite na eira do trigo” de Curros Enríquez, “Eu en ti” de Celso Emilio Ferreiro e “Vogar” de María Mariño, para a que faltou Ugia Pedreira por enfermidade. Reivindicou o momento fermoso das nosas músicas cantando ás pandeiretas “A xente da festa” con Tannus e recibindo as Tanxugueiras Aída e Sabela para “A fala” de Manuel María. Seguimos a cantar e bailar pois entrou Guadi Galego para os aires brasileiros e feministas de “As nosas cores”, onde tivemos a sorpresa da filla e unha sobriña da propia Guadi. E para acabar en todo o alto entraron As Mosas (Ana e Chus) para que as tres irmás xuntas entoasen as alentexanas “O altinho” e “A gotinha de agua”, de novo coa frauta de Budiño, do máis emotivo da noite.

Co público a aplaudir en pé e berrando “Altri non, outra si“, chegaron os bises insistindo máis na poesía, a memoria, a honestidade e o compromiso que van intrínsecos nunha Uxía que reaparece entre o público con “Porque” sobre versos de Sophia de Mello. Xa desde o palco, os agradecementos de rigor e os “Alalás encadeados” de Uxío Novoneyra. En medio da ovación final e coas luces acesas o auditorio enteiro cantou o retrouso acompañando as convidadas que se abrazaban ao xeito da “Grândola vila morena”. Foi o subidón último para unha noite na que Uxía presentou un espectáculo cun xiro necesario para non se acomodar e conservar a esencia coa que se fixo un lugar de seu na música e a cultura, esa conxunción de calidade, paixón e compromiso. Como ben apuntou Aida desde o palco, se non fose por Uxía e outras artistas, elas non terían chegado até onde están. Que non se nos olvide agora que o vento sopra a favor.

Pepe Cunha, 17-marzo-2025

Facebook