uxía “rosalía pequeniña”

Xuño 28, 2013

Vivimos tempos de notable produción para a música enfocada a un público infantil, ou talvez mellor sería dicir familiar. Tras os exitosos libro-discos “María Fumaça” e “A nena e o grilo nun barquiño” chega agora esta “Rosalía pequeniña” de Uxía. Se vén de musicar a Manoel María en “Andando a terra”, atrévese agora coa nosa poetisa por excelencia, tan coñecida e descoñecida a un tempo. Xa o sinala no fermoso texto Begoña Caamaño, “a música é sempre un dos mellores vehículos para descubrir e gozar da poesía; por iso Rosalía foi sempre tan cantada”.

De novo cos arranxos equilibrados do seu fiel Sérgio Tannus, Uxía compón “Rosalía pequeniña” con Magín Blanco, fai cancións de poemas de Rosalía de Castro (“Como chove miudiño”, “Miña Santiña, miña santasa”, “Maio longo”, “A grasia non era moita” …) e recupera con tino “A Rosalía (No bico un cantar)” de Luis Emilio Batallán sobre poema de Curros Enríquez. Para evitar a linealidade na voz e instrumentalización, colaboran Guadi Galego, Sés, Aline Frazao, Habelas Hainas, Señora Carmen … e as mans de Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Pablo Seoane, Adrián Solla, Benxamín Otero e, sobre todo, o “brasilego” Sérgio Tannus.

Un traballo ben acabado, talvez algo relaxado para ouvintes pequenos e, xa que logo, máis enfocado a que a familia se achegue xunta á fusión de poesía e música. Agás nalgunha peza como “Xan” ou “A grasia non era moita”, non procuredes aquí entreter nenas e nenos dun xeito puramente lúdico. Coma exemplo, a fermosa “Falares de amor”, da que seguramente gozaremos @s menos nen@s. Ben apuntan na contracapa as diferentes caras da nena poeta: “Rosalía pequeniña, pirata, poeta, aventureria ou fada. Rosalía pequeniña para cantar, para rir, para gozar ou bailar.”

A presentación física, editada por Galaxia na colección Sonárbore, agasalla coas ilustracións de Marina Seoane, doces como a voz da Uxía.

Pepe Cunha, 28-xuño-2013

Facebook