Uxía recibe o Premio ao Mellor Disco de Música de Raíz na IV edición dos “Premios de la Música Independiente”

Xuño 27, 2012

“Meu Canto” foi escollido mellor álbum da súa categoría por votación popular despois de ser seleccionado como finalista por un xurado composto por case cen prescriptores e profesionais do sector, escollidos cun criterio de diversidade.

Nunha cerimonia chea de humor e moita música, onte se fixeron entrega dos Premios da Música Independente organizados pola UFI (Unión Fonográfica Independente). A gala foi celebrada no Teatro Arteria Coliseum da Gran Vía madrileña e presentada polo actor e presentador Arturo Valls ( Caiga quien Caiga, Camera Café).
Nesta cuarta edición marcada por un importante aumento de participación, tanto de músicos como de público votante, o disco ‘Meu Canto’ de Uxía conseguiu alzarse co premio ao mellor álbum de raíz de 2012.

Estes premios están pensados para recoñecer o labor de selos independentes e supoñen unha importante ferramenta de promoción e comunicación nacional e internacional deste sector, e das relacións comerciais entre países hispanofalantes, aos que nesta ocasión se sumou Arxentina como país convidado.

Tras 25 anos de carreira musical Uxía recollía un premio que se suma aos outros recoñecementos que está recibindo o seu último disco, Meu Canto, posto que no mes de maio recollía tamén, no teatro Rosalía de Castro da Coruña, o premio Opinión á Mellor Artista, agás de ter alcanzado un cotizado posto na lista europea da música étnica World Music Charts Europe

Transcribimos as palabras da cantante no momento de recoller o premio:

“É un ano de moitos premios a Meu Canto e este último, o Premio da Música Independente ao mellor álbum de raíz, supón un alento moi forte, é como se o vento soprase a favor e a nos impulsase a percorrer máis portos, máis escenarios presentando este traballo gravado en Brasil e editado por unha independente (Fol Música). Os próximos portos: Concertos en Galiza, Portugal, no resto de España para Artistas en Ruta, circuíto promovido por AIE, Brasil en novembro e moitos proxectos diversos que foron xurdindo e dos que irei dando conta.

Este premio é unha maneira de recoñecer o labor deste selo independente (Fol Música), que aposta con moitas ganas pola música galega e que ten un catálogo fascinante. Ademais había dous grupos galegos máis na mesma categoría e do mesmo selo: Crebinsky e Talabarte, e isto alégrame porque este premio da visibilidade aos proxectos e iniciativas que se desenvolven aquí e que fortalecen a base do sector cultural e musical galego.

O primeiro que sentín foi a felicidade de ser escollida por un xurado de especialistas e a posteriori que fose o propio público, o que o converte nun premio participativo e democrático. Este premio tamén quería compartilo, como toda xente colaborou no disco (Fred Martins, Socorro Lira, Jaime Alem, Lenine…)no disco, pero sobre todo, ‘co ”’brasilego” Sérgio Tannus, que fixo un traballo brillante de produción e arranxos. É un disco sincero e sinxelo que celebra os meus 25 na música e no que a voz é protagonista, un disco que celebra o canto, o máis esencial, alí onde a música desvela o noso ‘eu’ máis puro e inocente, o que está limpo de artificios.”

AXENDA

Facebook

20 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook