Uxía-O

Decembro 29, 2018

nota:
Con este concerto pechamos o ano de celebración do décimo aniversario do Auditorio da Illa de Arousa. Ademais gravarémolo en vídeo para ter un rexistro do espectáculo Uxía-o. Precisamos a vosa presenza inspiradora!
Non hai mellor xeito de rematar este 2018, coa compañía destes extraordinarios músicos, coa presenza de Uxío Novoneyra e con tod@s vós nun lugar que adoro. Vides?

As entradas anticipadas están á venda no Bar Museo, en Gradisela ou na propia taquilla o día 29.

No álbum “Meu Canto” (Fol Música, 2011) Uxía xa interpretaba dous poemas do seu amigo Novoneyra: o inédito “Alalás encadenados” e “O cuco a cantar”, habituais dende entón nos seus concertos. Ela mesma comentaba que “a poesía de Uxío ten un ritmo interno que a fai moi adecuada para ser cantada”, así que podía chegar o día en que recibisemos unha colección de poemas feitos cancións. Agora a Fundación Uxío Novoneyra presenta en edición fermosísima este novo traballo de Uxía acompañada polo instrumentista brasilego Sérgio Tannus. Trátase dun libro encadernado á antiga e no que se funden fotografías de Miguel Calvo, tarxetas con poemas do poeta da Courel e un CD con 16 cortes.

E falo de cortes porque non todo son cancións. Canda a arpa clásica de Ana Isabel Días, Uxía tamén recita, e tan ben como fixera naquel traballo sobre Manuel María. Nótase que ela ama a poesía e disque o seu amigo Novoneyra amaba a música. Xa que logo, a responsabilidade de argallar as cancións dilúese con calma, agarimo e confianza. Canda Tannus escolleron textos, principalmente d“Os eidos”, e musicáronos individualmente ou uníndoos nunha mesma canción, ademais de recuperar os mencionados e versionar -coa colaboración ao piano de Alberto Vilas- “Cain as follas”, composta por Emilio Cao e incluída no seu álbum “Amiga alba e delgada”.

Procuraban “a (visión) máis actual e universal posíbel, colocando o acento na contemporaneidade e musicalidade da obra de Novoneyra”. Para iso acompáñanse dunha banda impecábel: Santi Cribeiro ao acordeón; Isaac Palacín ás percusións, José Manuel Díaz ao contrabaixo e o propio Tannus na guitarra e viola . As composicións reciben tamén unhas colaboracións punctuais para rematar o traballo con brillantez e variedade estilística: Quim Farinha ao violín no ragtime/swing “O pouso do tempo” e os brasileiros Fred Martins na voz e Lui Coimbra no violoncello no reggae “O cuco a cantar” … E por suposto atopamos alalás, jotas ou muiñeiras, coma o ”Alalá das sombras” ou a emocionante “Terra moura” a base de percusión e voz. E non esquezamos fermosuras de pop folque como “O aire” ou “Novas verbas de door”. Un traballo para ler, ollar, escoitar e sandar o espíritu.

Pepe Cunha, 5-decembro-2017

AXENDA

21:00 h.
Auditorio da Illa de Arousa