nota:
O disco Baladas da Galiza imaxinaria naceu da primeira xira xuntos de Uxía e Narf por América Latina, reunindo temas clásicos do seu repertorio anterior e tamén algún novo. Agora, un ano despois da súa saída ao mercado, veñen de realizar unha xira pola Arxentina onde este proxecto tivo orixe, con grande éxito. Antes de volver atravesar o Atlántico e emprenderen unha nova xira, desta volta polos Estados Unidos, ofrecen un concerto “na casa”: no centro cultural As Torres de Santa Cruz (Oleiros) este sábado 20 ás 20.30 horas. As entradas, a 2,5 euros, estarán dispoñíbeis desde unha hora antes e até completar aforo no despacho de billetes.
O dúo vén dunha xira pola Arxentina que arrincou o 21 de xaneiro na XXVI Fiesta Nacional del Chamamé, en Corrientes. Ao día seguinte tocaron na Parrilla El Molino, desta mesma localidade, e o 23 do mes pasado participaron no ciclo La Noche Decanta Autores, en Trambólica, Formosa, onde gravaron un documental con músicos de alá (Los Guauchos). Por último, xa no mes de febreiro ofreceron dous concertos en Bos Aires: na Ciudad Cultural Konex o día 1 e en La Biblioteca Café o día 4. E despois deste concerto en Oleiros, aínda volven atravesar o Atlántico para visitar varias universidades norteamericanas e centros de arte dos Estados Unidos ao longo do mes de marzo e primeiros de abril.
Pódese consultar toda a información sobre os concertos, escoitar temas do disco ou ver fotografías e materiais que dan testemuño do éxito na Arxentina na web http://baladas.gal.