nota:
Dous grandes da música galega, Uxía e Narf, presentan no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 21 horas o seu primeiro disco conxunto: “As baladas da Galiza imaxinaria”, dentro do ciclo “Sons” do Concello de Santiago de Compostela.
Neste traballo Uxía e Narf funden os seus repertorios nun disco conxunto que incorpora clásicos destes dous autores e tamén temas novos, como “Onda soante” ou “Cantiga do neno da tenda”, e outros coñecidos pero inéditos, como “Encontrarte” e “Nana de Zemambiquo”
Trátase dun proxecto que nace do talento e da sensibilidade de dous artistas que en cada balada abren portas e xanelas aos corazóns inquedos e aventureiros. Na primavera de 2014 cantan xuntos por primeira vez nunha xira por Chile, Arxentina e Uruguai. Alí descubriron que, aínda que diferentes, os seus xeitos harmonizaban na sinxeleza e no gusto pola experimentación e as espírito inquedo e viaxeiro. Así nacen estas Baladas, con temas dos seus repertorios propios e outros novos que agora ven a luz.
Este traballo móvese nun espazo emocional que vai máis aló do puramente xeográfico. Os seus destinatarios non son só os habitantes de Galiza, senón os dunha Galiza imaxinaria, que abrangue aos galegos e ás galegas e tamén aos que non o son, pero son amantes do noso, sen máis. De feito, Uxía e Narf percorrerán nos vindeiros meses os escenarios do país e máis alá. A segunda parada despois de Compostela será Londres a finais deste mesmo mes.
“Baladas” é tamén o primeiro disco de Edicións da Madriña, unha nova discográfica creada polos propios autores que agarda acoller no futuro moitos máis proxectos musicais.
Santiago Auserón e “Baladas”
O músico Santiago Auserón (Juan Perro, Radio Futura), que viviu a xénese deste disco, cóntao así: “Ao escoitar por primeira vez o material que estaban a reunir Uxía e Narf, souben que ían producir un evento sonoro memorable, a confirmar un salto cualitativo na evolución do noso cancioneiro”.
E abonda nun artigo que poden ler completo na web www.baladas.gal: “O seu anhelo de sinxeleza é patente no conxunto: dúas voces cálidas en torno ao espiñazo dunha guitarra eléctrica pulsada con técnica diversa, xeralmente melodiosa e algunhas veces ruxidora”.
Uxía
Uxía é a gran dama da música galega. Ademais de ser probablemente a súa cara máis coñecida, é produtora e ten promovido infinidade de iniciativas musicais e culturais como o Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na Maré”. Desde o seu debut con “Foliada de Marzo” en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes. Integrante do grupo Na Lúa ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa traxectoria. Despois de nove discos, un deles gravado no Brasil. e de ter viaxado por numerosos países do mundo, emprende esta nova e ilusionante aventura xunto a Fran Pérez “Narf”.
Narf
Narf é un compositor e cantor de longo percorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo lusófono. Gústalle definirse como “cancionista” e a súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade. Editou catro discos, un deles con Manecas Costa “Aló Irmao” e compartiu disco e xira por España co proxecto “Mundo café” xunto cos músicos Jabier Muguruza e Miquel Gil.
En solitario, a dúo, en trío ou con banda, presentou a súa música en festivais internacionais e todo o mundo. Ademais foi fundador da Sala Nasa e membro de grupos como a Psicofónica de Conxo, Os Kinindiola ou Nicho Varullo. Tamén compuxo para teatro e para obras audiovisuais, acadando múltiples premios.
Poden atopar máis información sobre “Baladas da Galiza imaxinaria” nesta web: