“Esta caixiña de música é unha homenaxe a Begoña e a todas as mulleres indómitas”. Así presenta o seu novo disco unha voz fundamental da música galega contemporánea, que fala de caixiña para lle dar relevancia ao obxecto, á presentación física desta colección de cancións inspiradas polo legado e a personalidade da súa amiga Begoña Caamaño, protagonista das Letras Galegas. Alén da vertente literaria -que non falta- Uxía reflicte un carácter á vez íntimo e plural, reflexivo e colectivo, no que se fonden música, literatura e artes visuais nun libro-disco con ilustracións poderosas de Viki Rivadulla e textos de Tereixa Constenla e Paz Francés, ademais da emocionante carta escrita por Begoña Caamaño a Uxía pouco antes da súa morte.
Tras máis de 40 anos de traxectoria musical, a Uxía segue a transmitir un selo de seu a base de calidade interpretativa, emoción, compromiso, poesía e ese aquel de aglutinar ao redor dela moitas das nosas mellores músicas e intérpretes. A relación de nomes abraia e reforza ese carácter de pluralidade, pois nas voces convidadas atopamos Guadi Galego, Faia, A Pedreira, Antía Ameixeiras, Malvela … e entre os instrumentistas Pablo Novoa (arranxista e director musical do proxecto), Yudit Almeida (contrabaixo), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusións), ademais de colaboracións precisas de Bleuenn Le Friec (arpa clásica), Margarida Mariño (violonchelo), Marcos Teira (guitarra española) ou un Sérgio Tannus que pon a viola caipira no tema que non podía faltar: “Alalá das Mariñas” é canción fetiche de Uxía e das favoritas de Caamaño. As oito outras ondas si son cancións inéditas asinadas pola propia Uxía (“Circe e Penélope”, “Vivo no mar”, “Begoñisima”), os poemas “Na casa das amigas” (Ana Romaní) e “As miñas compañeiras” (María Reimóndez) e as co-composicións “Fada Morgana” con Magín Blanco e Pablo Novoa, “Na casiña da Comboa” con Ugia Pedreira e “O teu nome é bandeira” con Emiliana Faryna.
Como recoñecemos na súa traxectoria, Uxía canta músicas de diferentes inspiracións e latitudes atlánticas, coa mente viaxeira canda unhas raíces ben chantadas na súa terra. Non esperamos sorpresas sonoras dela, senón (como se fose pouco!) un traballo coidado e este “Indómitas” é dos máis completos. Amosa toda a súa elegancia musical e detallismo, a forza dunhas mensaxes -ás veces máis poéticas, outras máis obvias-, de amor e amizade, de memoria e resiliencia, de rebeldía e alegría, de sororidade e mulleres libres que loitan, o mar … Como di Begoña Caamaño na mencionada carta a Uxía: “A vida compensa”. E este disco é moi vital.
Pepe Cunha, 4-xuño-2026


