Uxía e convidados co Narf na memoria, Auditorio da Ramallosa, Teo, 20-novembro-2016.

Novembro 21, 2016

Uxía tiña previsto celebrar o seu aniversario cunha festa musical, cun concerto no que se acompañar de vari@s artistas presentes na súa traxectoria. Non podían estar tod@s sobre as táboas ou entre o público, pero entre eles de seguro ía estar Narf, tan preto dela neste últimos anos polo seu proxecto a dúo “Baladas da Galiza Imaxinaria”. A súa morte o pasado martes achegou a pantasma da cancelación do evento, como é lóxico. Porén, quen coñecimos máis ou menos o artista sabiamos que o seu compromiso coa música esixiría que iso non fose así: “A música non pode parar”.

Como cómpre nestas ocasións, no escenario unha banda base sinónimo de fiabilidade e calidez: Santi Cribeiro ao acordeón, Isaac Palacín nas percusións e Sérgio Tannus na guitarra e dirección musical. Así, coa elegancia e versatilidade que ía caracterizar a velada, interpretaron dúas pezas incluídas en “Meu canto”: “Verde-gaio” e “Menino do bairro negro”. Tras os saúdos e o “parabéns para ti” dun público representativo da súa lexión de cómplices, a artista confesou que fora unha semana difícil e houbera un primero impulso de suspender pero, como pensaba o Narf, “quen sabe cantar a tristeza sabe captar tamén a esencia da alegría, así que cantaremos por el”.

O primeiro invitado foi o Magín Blanco, compañeiro nos últimos anos en proxectos orientados a un público máis familiar. As composicións elixidas foron “O meu país” (”A nena e o grilo”, 2010) e “Todo me fala de ti” (“Canta o cuco. Uxía e Magín Blanco na casa de Manuel María”, 2015). Deseguido, a primeira canción vencellada ao Narf (compúxoa con Pepe Sendón para un espectáculo dos Chévere) e desde hai anos fixa nos recitais de Uxía: “A quimera”. Tras ela, “Unha noite na eira do trigo”, o tango “Garufa” e “Os teus ollos” non fixeron senón incidir no compromiso e elegancia á hora de reivindicar un cancioneiro variado de poetas e compositores galegos (Curros, Víctor Soliño, Chané …)

Mais outro aspecto no que o labor de Uxía é moi importante é na divulgación de cancións doutras coordenadas da lusofonía,Neste caso serían As Azores e para “A lira” subiron as súas irmás Raquel (á gaita) e Ana e Chus ás voces para outro dos momentos sentidos da noite: “a morte a min non me mata, quen mata a morte son eu”. Non era necesario dicir nada, as letras na voz de Uxía e os aplausos sinceros acompañaban a lembranza do Narf. Non obstante, o recital tiña que repasar emocións varias da vida que celebrabamos e o Tannus e a Uxía sos coas pandeiretas interpretaron “Xente da festa”. Tannus amóldase a todo e a voz de Uxía non falla. E para rematar este primeiro bloco, volven ao escenario as Mosas (de Mos) ou Senlleiras (de Senlle) aos coros e Budiño á frauta para interpretan esa alentexana “Dá-me unha gotinha de água” que chegou co António Zambujo para quedarse.

Tras un descanso, non podía faltar Carlos Blanco para se declarar groupie da súa amiga Uxía e arrincarnos uns sorrisos falando dela, do Narf e dunha independencia práctica da man de Amancio Ortega. Pero non só falou, senón que lle cantou ao Rui, maquinista de “María Fumaça”, unha peza que irá no vindeiro disco deste proxecto. E se falamos de máis proxectos de Uxía, faltaba a interpretación do poemario de Manuel María (“O melro” e “Heiche dar un bico”, que gravara ao vivo co Xabier Díaz, e “A fala”) e lembrarnos a cita co Cantos na Maré o 14 de xaneiro en Pontevedra. Volvendo á lusofonía era a quenda do referente José Afonso rescatado con Budiño á gaita en “Verdes sao os campos”.

Tocáballe lembrar agora máis explicitamente a figura do Narf, o que el lle aprendeu nestes últimos anos e a pegada que deixa tamén en compañeir@s e público. Tras escoitarmos esa “Bos amores” que dun poema de Rosalía o Narf fixo alfaia musical, compartimos aplausos sinceros e calmos como el, sen esaxeración, contidos e intensos. Por si sos, eses minutos de música, voz e aplausos xustificaron achegarse ao auditorio da Ramallosa nunha noite de vento e chuvia, sen por isto desemerecer nin un chisquiño o nivel de dúas horas elegantes de música feita desde o país.

Non obstante, alí se celebraba a vida, da que a morte tamén é parte, claro que si, como o compromiso, o optimismo, a belleza, a terra, todo o que nos une. Así que na traca final sonaron “As nosas cores”, “Alalás encadeados” e ese momento que por repetido non resulta menos emocionante: cantante e músicos sen amplificación, entre o público, agasallándonos co “Alalá das Mariñas”. Pero por se non saiamos con moita emoción e enerxía que levarmos para casa, o Carlos Blanco, tras repartir anacos de tarta entre o público, arrancárase de novo no escenario para cantarmos tod@s por Caetano: “cantando eu mando a tristessa embora”.

Pepe Cunha, 21-novembro-2016

Facebook

1 week ago

Ábrete de orellas
Versión da mítica "Fairytale of New York" dos Pogues a cargo de Iván Ferreiro , Guadi Galego e moitas máis ... See MoreSee Less
Ver en Facebook