Uxía + Couple Coffee

Xuño 16, 2018

En maio de 2017 celebrouse a primeira edición do Festival de música galego-portuguesa Traz outro amigo também, que serviu de homenaxe ao compositor e músico portugués José Afonso. Nesta segunda edición, o Concello de Cedeira, a través da Concellería de Cultura e a Concellería de Ensino, Mocidade e Lingua, ofrece unha nova oportunidade para (re)descubrir a cultura lusófona a través da súa música, tratando de poñer en valor os lazos que nos unen.
Angola, Brasil, Portugal e, por suposto, Galicia estarán presentes neste festival grazas a unha selección de artistas convidados que nos achegarán propostas musicais moi diferentes entre si, pero ligadas polo fío común da lingua. Paralelamente, ofreceranse obradoiros de danza africana e canto alentejano, así como unhas charlas nas que poderemos coñecer un pouco máis a lingua portuguesa e a súa relación coa galega.

As liñas temáticas das charlas que se ofreceran o venres 15 ás 19:00 h., e o sábado 16 e domingo 17 de xuño ás 12:00 h. serán:

– A lingua portuguesa na actualidade, a súa proxección internacional e o seu ensino en España (e en Galicia, máis concretamente).

– A proposta ortográfica reintegracionista para o galego: breve descrición e principais argumentos para o seu uso.

– Orixes do galego-portugués e posterior desenvolvemento.

As/os artistas que nos acompañarán nesta segunda edición do Festival:

Venres 15 – 21:00 h.
Luiz Caracol
Criado nun ambiente multicultural no longo período en que a súa familia viviu en Angola, este músico e compositor portugués tráenos unha proposta de mestizaxe entre a influencia urbana de Lisboa e o espírito africano do que sempre se sentiu parte.

Sábado 16 – 22:30 h.

Couple Coffee
Brasileiros residentes en Portugal, Luanda Cozetti (voz) e Norton Daiello (baixo) sorprenderannos cun animado repertorio no que se mesturan ritmos e melodías que van desde a bossa nova ata o rock, pasando pola música popular do Zeca Afonso.

Uxía
Considerada unha das grandes figuras da música galega, ofreceranos a súa particular visión renovadora da tradición, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros, facéndonos viaxar polos camiños en que se econtran as culturas atlánticas galego-portuguesas

Domingo 17 – 19:00 h.
Celina da Piedade
Acordeonista, cantora e compositora, esta alentexana universal afonda as raíces da súa música nas formas e nas cores da tradición portuguesa, ao tempo que o seu sentir moderno fai que as súas creacións e interpretacións estean cheas dunha alma e unha personalidade que nos farán vibrar.

Todas as actividades do festival terán un carácter gratuíto con excepción do concerto do sábado que terá un custo na entrada de 5 €.

Tanto a reserva de entrada nos concertos como a participación no obradoiro de Canto Alentejano de Celina da Piedade poderá facerse desde o 5 de xuño polas seguintes canles:
correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.es
WhatsApp 673223414
presencial Oficina de Turismo de Cedeira (Palacete Municipal)
– As/os participantes no obradoiro de Canto Alentejano de Celina da Piedade que terá lugar o sábado 16 ás 17:00 h. na Sala Áncora terán que ter cumpridos como mínimo os 14 anos e a lista de temas a tratar no obradoiro será:

“Laranja de China”
“Pera verde”
“Ceifeira linda Ceifeira”
“Aurora tem um menino”
“Quero ir para o altinho”
“Erva Cidreira”

AXENDA

22:30 h.
Auditorio Municipal de Cedeira.
De balde.