Uxía

Agosto 17, 2012

A artista galega Uxía volve de novo a Carballo para presentar o seu último traballo Meu Canto, unha selección dos temas fundamentais do seu repertorio en directo e tamén de temas que ata a actualidade nunca abordara. O público poderá gozar máis que nunca da excepcional voz sen artificios desta inconmensurable artista galega.
Uxía segue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda a natureza das fronteiras. Meu Canto lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo, da man de importantes músicos como Sérgio Tannus que a acompañará neste concerto xunto a Xoán Porto. Un traballo discográfico que a crítica e o público avalou con galardóns como o Mellor álbum de raíz de 2012 nos Premios da Música Independente ou o premio La Opinión á mellor artista de música folk.
Vinte e cinco anos de carreira artística converten a Uxía nunha das voces máis populares e valorizadas da nosa lingua. As súas cancións saen do máis profundo e íntimo do seu ser, da súa alma, e teñen a presenza latente da música tradicional, cun tratamento innovador e persoal.

AXENDA

Facebook

22:30 h.
Praza do Concello, Carballo.
De balde.