Uxía

Abril 27, 2012

10 € / 8 € (anticipada) / 5 € (soci@s)

Meu Canto é unha relectura dos temas fundamentais do repertorio en directo de Uxía e temas que ate agora nunca tiña abordado. Unha proposta limpa de artificios na que o fundamental é a súa excepcional voz. Uxía ten unha voz fermosa e serena que foxe do virtuosismo exhibicionista e se fai transparente, para amosarnos unha artista madura, que comprendeu que non hai nada máis sofisticado que o esencial e que a voz é o único instrumento que nunca minte. Meu canto, porque a maioría das cancións conteñen a palabra canto e porque este disco é unha reflexión sobre o acto de cantar, as emocións que provoca, a voz, a esencia… Uxía segue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo, nos estudios da editora Biscoito Fino, en Río de Janeiro. A escolla non foi casual, abordar este novo reto coa produción do prestixioso músico Jaime Alem (produtor de Maria Bethânia ), o talento e a complicidade do virtuoso instrumentista Sérgio Tannus, tamén escoitamos Os Teus Ollos xunto con Lenine, toda unha garantía para palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do seu ser, da súa alma. Vinte e cinco anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valorizadas da nosa língua. As súas cancións seguirán tendo a presenza latente da música tradicional, cun tratamento innovador. Unha voz máis contida e máis profunda ca nunca. Unha voz que amosa toda a forza e toda a vulnerabilidade coa que Uxía chegou a este punto do camiño, coa convicción de que un pobo que cantou desde tempos imemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz, o propio canto, Meu canto.
www.uxia.net
www.myspace.com/uxiasenlle

Facebook

22:30 h.
Bar Liceum, O Porriño.
10 / 8 / 5 €